Unha concentración do cerco insta á conselleira a, “por unha vez”, defender a frota galega

Foto: Alza Voz Cambados

Mariñeiros e armadores de diferentes portos (Vigo, Cambados, Portosín, Camariñas...) manifestáronse ante a sede da Xunta, onde guindaron piexes contra o edificio de San Caetano. O sector pide ao goberno galego que rexeite as cotas negociadas en Madrid para xarda e xurelo e que prexudican a Galiza.

O sector do cerco de Galiza dera á conselleira do Mar, Rosa Quintana, até esta sexta feira de prazo para manter unha reunión. Unha xuntanza na que tratar os prexuízos para a flota galega das cotas e cupos de xarda e xurelo fixadas nunha negociación en Madrid. A flota do cerco lgalega (máis de 1.500 mariñeiros e case 150 barcos) leva días amarrada nos portos en protesta por ese reparto. Responsabiliza ao desleixo da Consellería da situación. Unha asemblea de armadores realizada estes días en Portosín reprobou a actuación do goberno galego (“non se nos defendeu en absoluto”) á vez que pediu a demisión do presidente da Federación de Confrarías Galegas, Benito González.

Coa concentración, a flota do cerco quere que a Xunta “sexa valente” e dé un paso adiante para se prantar perante o Ministerio e pedir que se volvan negociar os repartos de xarda e xurelo. O sector galego dí que Asturies e mesmo a flota cántabra rexeitan os cupos actuais, que benefician a Euskadi.

De feito, armadores e mariñeiros galegos insisten en que os criterios de reparto teñen que ser número de embarcacións e mariñeiros, e non criterios de carácter histórico, apunta, co que a flota vasca leva grande parte da cota malia ter moitos menos buques que Galiza.

Quintana: "Equivócanse"

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asegurou que, aínda que respecta "tódalas formas de manifestación", os marieñeiros que proestaron "equivócanse", e pediulles que elaboren un informe cos erros que eles acusan na proposta de repartición do xurelo e a cabala realizada pola Secretaría Xeral de Pesca.