A construción pide solo, "non burocracia"

Traballadores da construción (Foto: Nós Diario).
A falta de vivenda é un dos problemas máis relevantes dos últimos anos. Desde o sector da construción apuntan cara a varios factores que dificultan que haxa obra nova. Entre eles están a falta de solo, a "burocratización", a falta de persoal nas empresas e os elevados custos polo aumento do prezo dos materiais.

As licenzas concedidas polos municipios galegos no mes de abril foron 170 para edificacións de nova planta, 151 para edificacións xa existentes e 151 para obras de rehabilitación, segundo publicou a pasada semana o Instituto Galego de Estatística (IGE). Estas autorizacións permitirán construír 351 novas vivendas. Ademais, o número de vivendas creadas en rehabilitación foi de 56. 

A variación neta do parque de vivendas en abril foi, polo tanto, de 384 novas vivendas. O dato é positivo se se ten en conta que hai un ano, no mesmo mes, a de nova construción contabilizou na Galiza un total de 186 domicilios. Porén, a falta de vivenda, que asume o propio sector e que se evidencia nos altos prezos da existente, deixa ver o problema que hai para que se dinamice o mercado da vivenda e haxa máis oferta, con independencia das vivendas baleiras, que a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein) cifra en aproximadamente 500.000. 

Cunha extensa traxectoria no sector da construción e a promoción de vivenda, a administradora do Obradoiro de Xestión Inmobiliaria (OXI) Esther Rodríguez Barbeito entende que hai varios factores que levaron á situación actual de falta de vivenda na Galiza. 

En conversa con Nós Diario, afirma que “o noso principal problema é a falta de solo". Pon como exemplo as dificultades que se crean, no caso de Santiago de Compostela, por contar cun Plan xeral de 1989. Recoñece que a situación varía segundo os concellos, mais entende que na Galiza, sobre todo nas cidades, “as previsións de crecemento non foron as que acabaron por ser despois”. 

A solución, para esta profesional, sería "que os propios concellos, se teñen medios, poñan en marcha o solo no seu territorio co fin de que se desenvolvan novos proxectos de vivendas para que poida actuar a promotora ou a construtora". 

Burocratización

Rodríguez Barbeito pon enriba da mesa outro problema que, ao seu ver, dificulta a construción de obra nova: a burocratización. “Aínda tendo solo urbano, os trámites son moi lentos e falta persoal para atender as demandas”, asegura, “en concreto persoal técnico que se dedique ao desenvolvemento dese solo”, engade. Como consecuencia desta circunstancia, “o solo está parado e non se constrúe”. Por este motivo, entende que o sector demande "que os concellos se actualicen".

A construción non escapa ás dificultades engadidas que teñen outros sectores para manterse activos. A principal segue a ser, como nos últimos anos, o aumento dos custos. "Comezaron a subir desde 2006, cando se aprobou o Código Técnico da Edificación, polas medidas que se tiveron que adoptar", indica, "mais logo viñeron outros, como os materiais, que tiveron un incremento de 50% nos últimos anos". 

No ámbito laboral, tras as queixas por parte da Federación Galega da Construción pola falta de persoal, esta profesional fai autocrítica e admite que, tras a crise de 2008, ningún dos axentes do sector "mimamos a xente nova para que continuase traballando na construción". Por este motivo, entende que "marchasen a outros traballos, malia que as condicións, con máis medios, melloraron co tempo".  

Vivenda turística

Outro factor que entrou en xogo nos últimos anos é o das vivendas turísticas. "O Plan Xeral de Santiago fixera unhas previsións de vivenda para domicilio familiar e permanente e agora resulta que se converte en vivenda turística, mudando todo o panorama do sector", aclara. "Había zonas que permitían hoteis e había certo control das persoas que entraban nas cidades, agora non o sabemos e calquera vivenda é un potencial negocio turístico". Por este motivo, considera que a construción é un "ámbito sen industrializar e que segue sendo obxecto de especulación". Diante disto, demanda "máis regulamentación para impedir que o mercado suba os prezos". 

Por último, outro factor está a modificar a aposta construtiva de moitas empresas que se dedican á promoción e á construción de vivenda na Galiza: as dificultades das familias para acceder a créditos para a compra. "As exixencias das entidades bancarias seguen a ser elevadas, como por exemplo contar con varias nóminas no núcleo familiar, polo que o perfil do comprador tamén mudou, modificando da mesma maneira o tipo de construción que se oferta", afirma. 

Este sería o motivo polo que o mercado galego teña dispoñíbeis agora mesmo vivendas para un perfil de cliente con gran capacidade adquisitiva "sexa para vivir nela ou para empregar a súa compra como un investimento".


Apostar pola vivenda nova e a rehabilitada

OXI creouse como empresa en 2010, dentro da compostelá Construcións Otero Pombo. A aposta da compañía ten a ver co desenvolvemento de proxectos de obra nova e rehabilitada, aproveitando en gran medida edificacións industriais que quedaron en desuso na capital galega.