O desemprego aumenta en 633 persoas e alcanza a un total de 118.678 na Galiza

O sector servizos liderou as cifras de emprego no verán. (Foto: Europa Press)
O emprego volveu caer en agosto tras rexistrar outra baixada en xullo. Neste sentido, nos dous meses fortes da tempada estival perdéronse 740 empregos, cunha especial impacto entre as mulleres. Os sindicatos demandan un novo modelo produtivo baseado en actividades de alto valor engadido

Agosto é tradicionalmente un mal mes para o emprego, e este ano non foi unha excepción. O paro rexistrado incrementouse en 663 persoas até alcanzar as 118.678, o que significa unha alza en relación a xullo de 0,54%. Nesta orientación, o Ministerio de Traballo e Economía Social indica que 48.317 desempregados son homes e 70.361 mulleres, sendo 4.441 parados e paradas menores de 25 anos.

O sector servizos liderou a destrución de emprego con 578 persoas, até sumar 87.776 parados. A continuación situouse o complexo industrial, cun incremento do desemprego de 158 persoas e unha suma total de 11.654. Pola contra, a agricultura criou 86 novos postos de traballo e a construción 13 no saldo global do mes de agosto.    

As cifras de afiliación á Seguridade Social sitúanse na mesma dirección. Nesta liña, o número de persoas afiliadas reduciuse en 486 en relación ao mes de xullo, marcando unha caída de 0,04%. A este respecto, o Goberno do Estado cifra en 1.092.886 os homes e mulleres inscritos nos diferentes réximes da Seguridade Social, a maior parte dos cales fan parte do réxime xeral.

A caída da ocupación tivo un forte impacto nos traballadores e traballadoras por conta propia. Nesta dirección, o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións destaca que o Réxime especial de traballadores autónomos (RETA) perdeu 364 cotizantes no último mes, volvendo ser Galiza a comunidade do Estado español que máis emprego autónomo destruíu 

A temporalidade e a parcialidade caracterizou as contratacións rexistrados no mes de agosto. Segundo o Ministerio de Traballo e Economía Social, asináronse 61.795, é dicir, 24,2% menos que hai un mes e 4,2 % menos que hai un ano, sendo 15.700 deles de carácter indefinido e 46.095 de natureza temporal. Neste punto, a maior parte dos novos empregos correspondéronse co sector dos servizos, con até 50.061 altas e na industria con 7.991.

A estacionalidade

A estacionalidade condicionou novamente a realidade do emprego neste segundo mes do verán. Un mostra evidente disto é que a creación de postos de traballo estivo moi asociada a actividades ligadas co turismo, destacando dentro destas á hostalaría e o comercio retallista. Porén, presenta algúns indicadores especialmente preocupantes, como a caída de 4,2% da sinatura de contratos en relación ao mesmo mes de 2023.

Os datos de ocupación do mes de agosto atópanse en liña cos de xullo. Malia que neste mes o mercado laboral adoitaba tradicionalmente a tomar impulso, as cifras de 2024 xa avanzaban  un mal comportamento das ocupacións. Tanto é así, que no mes pasado perdéronse 107 empregos no conxunto da Galiza, liderando as cifras o sector servizos, sendo xa dous meses de verán onde aumentan os desempregados e onde caen as afiliacións á Seguridade Social.

As cifras de xullo e de agosto apuntan a unha parada na creación de emprego e a unha mudanza de ciclo nos ritmos do mercado laboral. Neste sentido, o seu aspecto máis positivo derívase do progresivo aumento das contratacións ao longo da última anualidade, que permite contar con 9.047 desempregados menos que hai un ano. Porén, a maior parte destes novos contratos rexistráronse no sector servizos, onde a destrución de postos de traballo é mais doada polas altas taxas de parcialidade e temporalidade.

O secretario de negociación colectiva e emprego da CIG, Francisco González Sío, indicou onte que “máis unha vez todo o desemprego rexistrado afecta ás mulleres, entre as que sobe un 59,2%. Houbo, ademais 486 persoas afiliadas en alta laboral menos. Unha caída de afiliación que afectou, case exclusivamente, ás persoas con contrato indefinido”. Nesta dirección, salienta “o considerábel aumento das afiliacións á Seguridade Social con contrato temporal, chegando a temporalidade a 25,6%, logo de meses medrando”.

O secretario de organización da UXT, José Luis Fernández Celis, asegurou que “os datos de paro rexistrado e afiliación á Seguridade Social de agosto, publicados onte, amosan un aumento das persoas rexistradas como paradas e un descenso das afiliadas con respecto a xullo, unha tendencia que é habitual nos meses de agosto, ao coincidir co período estival e o feche por vacacións de moitas empresas”. Nesta liña, afirmou que “non hai dúbida de que a reforma laboral marcou un antes e un despois en termos de calidade de emprego”.

Pola súa parte, a secretaria de emprego de CCOO, Maica Bouza, cualificou de “positivas” as cifras de afiliación á Seguridade Social. Porén, Bouza apuntou que “cómpre sinalar que, pese a este bo comportamento, se o comparamos co mesmo mes do ano anterior, a situación do emprego é significativamente peor". Na mesma dirección, considerou “negativos” os datos do paro, debido a un "importante incremento" do desemprego feminino, o que "acrecenta a fenda das mulleres no mercado laboral galego".

O modelo produtivo condiciona o emprego

O debate sobre o emprego está directamente asociado ao modelo produtivo. Neste punto, Francisco González Sío atribúe a baixa da contracción indefinida a "un momento de esgotamento na posibilidade de creación de emprego" como consecuencia do modelo de mercado laboral "baseado no traballo precario", no turismo e no sector servizos. A este respecto, sinala "cando o turismo descende un pouco increméntanse as taxas de paro, aumenta a contratación temporal, descende a indefinida”.

José Luis Fernández Celis reclama “continuar avanzando no camiño da estabilidade iniciado grazas á reforma laboral, modificando as cuestións que quedaron pendentes, como os custos e as causas do despedimento. Pois, como concluíu o Comité Europeo de Dereitos Sociais, tras a reclamación presentada por UXT, España non cumpre coa Carta Social Europea”.

Maica Bouza considera urxente un cambio de modelo produtivo na Galiza, apostando por actividades como a educación ou as profesionais, científicas e técnicas. Sinala que o presidente da Xunta da Galiza  "debera deixar de ollar para Madrid" e centrar os seus esforzos en elaborar un proxecto de orzamentos para 2025 "que non deixe Galiza fóra do cambio de modelo produtivo".