As empresas galegas realizaron no primeiro trimestre operacións con Israel por valor de 31 millóns

Un home sostendo unha bandeira de Israel na cidade de Sderot. (Foto: Ilia Yefimovich / DPA vía Europa Press)
Das 124 compañías galegas que operaban en 2023 con Israel, a maior parte continúa hoxe preservando eses vínculos comerciais. Aínda que as importacións realizadas desde territorio israelí por parte de empresas radicadas na Galiza non representan unha cifra astronómica en termos xerais, os réditos derivados das exportacións seguen sendo suculentos.

A maior parte das empresas galegas que manteñen relacións comerciais con Israel temen que o recoñecemento do Estado de Palestina, declarado de maneira oficial por parte do Goberno español o pasado 28 de maio, poida ter "consecuencias diplomáticas" que "afecten negativamente" as exportacións con este país, cifradas en 2023 en máis de 147 millóns de euros.

Iso é o que se desprende da valoración realizada, após someter a situación a un debate interno, polo presidente da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), Juan Manuel Vieites, quen considera que malia o "compoñente simbólico" que ten a citada declaración as repercusións económicas poderían ser "significativas" para as compañías galegas no caso de que Israel decida "tomar represalias".

"Desde Israel ameazouse con cortar as relacións comerciais con países que recoñezan a Palestina e iso podería afectar negativamente as exportacións galegas", explica, en declaracións á axencia Europa Press, Juan Manuel Vieites. Para o líder das e dos empresarios galegos, que puntualiza que máis aló dos efectos comerciais a prioridade debe ser sempre "a paz e a protección das vidas humanas", a inestabilidade na rexión pode provocar "interrupcións nas cadeas de subministración".

O recoñecemento de Palestina, agrega, podería xerar tamén "unha contorna de incerteza" e unhas "tensións xeopolíticas" capaces de afectar as relacións Galiza-Israel en "sectores chave" como o automotriz e o téxtil e mesmo noutros "menos dominantes" como o tecnolóxico ou o enerxético.

"Un mercado importante"

Aínda que non resulta sinxelo acceder a datos actualizados sobre o volume de negocio existente actualmente entre as empresas galegas e Israel, debido á opacidade que arrodea estes intercambios após o inicio do masacre de civís na Faixa de Gaza e pola reticencia de moitas compañías con intereses no país a recoñecer mesmo a existencia das devanditas relacións, a tendencia do fluxo comercial parece non resentirse de maneira significativa como consecuencia da invasión do territorio palestino.

Segundo os datos da Cámara de Comercio de España —aínda provisionais— relativos ao capítulo de exportacións e datados a marzo de 2024, as empresas galegas realizaron un total de 5.264 operacións comerciais deste tipo con Israel no primeiro trimestre do ano por un montante acumulado próximo aos 31 millóns de euros.

A empresa Herfraga, especializada na fabricación e exportación de maquinaria para a industria conserveira e domiciliada na Coruña, foi unha delas. Os efectos que poida chegar a ter, coa vista posta en futuras operacións, o recoñecemento de Palestina como Estado preocupa aos seus responsábeis.

"Preocúpanos que poida haber unha decisión drástica do Goberno israelí que limite dalgunha maneira as compras desde Israel a España. Somos unha empresa pequena e para nós Israel é un mercado importante. Polo momento seguimos coa relación habitual, estamos a vender e os pagamentos están a recibirse con normalidade", explica a Europa Press a directora do departamento comercial da empresa, Mercedes Fraga. E acto seguido subliña: "Se hai algún cambio, vai ser debido a decisións políticas, porque nós cos nosos clientes temos moi boa relación".

Unha relación que decidiron dar por finalizada recentemente os responsábeis da empresa Recense, con sede na localidade da Pontenova (A Mariña), que ofrece solucións de fixación para a construción e o sector industrial e que, até hai pouco, importaba materiais de Israel. "Importabamos algo, pero agora mesmo xa case non temos relación comercial, baixou moito o volume de negocio con Israel, polo que as decisións políticas xa non nos afectan", manifestan desde a compañía.

O Grupo Internaco (Ordes), especializado na distribución de maquinaria forestal e agrícola, que figura tamén na listaxe de empresas exportadoras a Israel recompilado pola Cámara de Comercio de España, asegura non manter actualmente relacións comerciais con este Estado de Oriente Próximo pero recoñece ter sufrido anteriormente os efectos derivados do bloqueo comercial como resultado doutro conflito armado.

"Vímonos afectados polo conflito en Crimea, vendo as nosas exportacións a Rusia totalmente bloqueadas. Por aquel entón debeuse á postura oficial da Unión Europea, pero é un caso parecido ao actual e esta declaración pode afectar a outras empresas galegas que exportan ou importan desde Israel", valoran fontes da empresa.

O sector automotriz, en cabeza

A pesar da advertencia realizada a principios do mes de maio polo ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, Pablo Bustinduy, na que instaba nunha carta ás empresas españolas con presenza en Israel a non contribuír coas súas actividades ao xenocidio en Palestina, o intercambio comercial entre estas compañías e o Estado sionista non deixou de producirse.

Especialmente significativo é, neste sentido, o volume de negocio estabelecido entre Israel e un bo número de empresas domiciliadas na provincia de Pontevedra, con moita diferenza a que ten na Galiza un maior balance comercial con este país, aglutinando 133 dos 147 millóns de euros xerados en termos absolutos a nivel galego en concepto de exportacións a Israel o pasado ano. Tan só outras catro provincias do Estado —Barcelona, Madrid, Gipuzkoa e Castelló— superaron en 2023 o músculo exportador da de Pontevedra.

As cifras do sector automotriz, moi arraigado e responsábel por si só, segundo os datos da axencia estatal ICEX, de até 80% das devanditas exportacións —uns 112 millóns de euros— ilustran á perfección este fenómeno. Pero o sector do automóbil non é o único que mantén na Galiza unha frutífera relación de intercambio con Israel.

A industria naval, por exemplo, conserva tamén o seu peso específico en materia de exportacións. Industrias Ferri, unha compañía do sector especializada en solucións para embarcacións militares e civís afincada en Pontevedra, non teme que a declaración de Palestina como Estado poida afectar de ningún modo ás súas relacións comerciais.

"No noso caso ese recoñecemento non afecta. Somos unha empresa que fai equipos a medida. Ao tipo de produto que facemos para estaleiros de alí non lles afectan as accións que se poidan dar entre gobernos ou países. O que nós facemos queda á marxe. O recoñecemento non ten ningunha repercusión", apuntan, consultados por Europa Press, desde a área comercial da empresa.

Das 124 compañías galegas que operaban en 2023 con Israel, a maior parte continúa hoxe preservando eses vínculos comerciais. Aínda que as importacións realizadas desde territorio israelí por parte de empresas radicadas na Galiza —e valoradas en 2023 en algo menos de 15 millóns de euros, segundo a Cámara de Comercio— non representan unha cifra astronómica en termos xerais, os réditos derivados das exportacións seguen sendo suculentos.

"Hai que lembrar que as relacións comerciais entre Galiza e Israel experimentaron un crecemento significativo e duplicáronse nos últimos tres anos", apunta, a modo de conclusión e en relación á robustez dun intercambio comercial que podería agora cambalearse, o presidente da patronal galega.