42 mortos nun novo bombardeo israelí contra un campo de refuxiadas

A Faixa está sumida na "anarquía" e o "caos total" por mor da fame e a falta de axuda humanitaria, advirte a ONU.
Máis de 37.500 persoas morreron en Gaza desde outubro. (Foto: Omar Naaman / DPA vía Europa Press)
photo_camera Máis de 37.500 persoas morreron en Gaza desde outubro. (Foto: Omar Naaman / DPA vía Europa Press)

Un mínimo de 25 persoas morreron esta sexta feira nun ataque israelí contra tendas de campaña en Mawasi, ao noroeste de Rafah. E mentres o primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, insiste en que o seu Exército "se desvive" por evitar a morte de civís na Faixa de Gaza —tal e como afirmou tamén esta sexta feira—, o modus operandi parece repetirse: máis de medio cento de civís perderon a vida este sábado en dous bombardeos contra un campo de refuxiadas na cidade de Gaza e os seus arredores, denunciaron as autoridades a primeira hora.

O ataque dirixiuse contra o barrio de Al Tufá, no campamento de Al Shati —onde, segundo a información transcendida até o momento, un bloque residencial enteiro foi completamente destruído— e mais no barrio de Al Zaitún. Pouco antes o Exército israelí anunciara que actuaría sobre "dúas posicións de Hamás" na Faixa que se corresponderían cos lugares bombardeados.

O último balance ofrecido polas autoridades palestinas en Gaza, sen contar as vítimas deste último ataque, ascendía a 101 persoas asasinadas e outras 169 feridas só nas últimas 24 horas. En total, desde o pasado 7 de outubro as cifras do masacre elévanse até os 37.551 falecementos e 85.911 persoas feridas de diversa consideración.

Ante a falta de recursos e da entrada á Faixa de Gaza de axuda humanitaria, a fame aumenta entre unha poboación cada vez máis indefensa que empeza a sumirse nun estado de "anarquía" e "caos total", denunciou este sábado o secretario xeral da ONU, António Guterres. Esta, dixo, é "diferente de calquera outra guerra", dado que os combatentes dun e doutro bando "móvense constantemente dun lado a outro", o que se traduce "nun caos total" e en que "non hai autoridade na maior parte do territorio".

Palestina suma apoios internacionais

Fronte a esta situación, o Gobernno de Cuba ratificou a súa intención de sumarse ao procedemento xudicial iniciado por Suráfrica contra Israel na Corte Internacional de Xustiza, unha causa que xa confirmou a comezos de mes o Estado español que apoiará. O Ministerio cubano de Exteriores chamou nun comunicado a "pór fin ao xenocidio" contra o pobo palestino e a "deter as atrocidades" perpetradas por uin Exército israelí caracterizado por un "uso desproporcionado e indiscriminado da forza".

E esta sexta feira o Goberno de Armenia avanzou tamén que recoñecerá o Estado de Palestina, confirmando así o seu "compromiso co dereito internacional e os principios de igualdade, soberanía e coexistencia pacífica dos pobos".

Comentarios