Netanyahu disolve o gabinete de guerra en medio das presións da ultradereita

O Goberno israelí avanza a súa intención de "reforzar" os asentamentos ilegais de colonos en Cisxordania.
O primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu. (Foto: Ma'ayan Toaf / GPO / DPA vía Europa Press)
photo_camera O primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, no centro. (Foto: Ma'ayan Toaf / GPO / DPA vía Europa Press)

O primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, anunciou a primeira hora desta segunda feira a disolución do gabinete de guerra creado o pasado 7 de outubro para coordinar a ofensiva sobre a Faixa de Gaza. Unha decisión motivada polas recentes dimisións de dous dos seus integrantes, os ex xenerais do Exército Gadi Eisenkot e Benny Gantz e que se presupón, segundo a prensa israelí, unha manobra de Netanyahu para facer fronte ás presións do ministro de Seguridade Nacional, o ultradereitista Itamar Ben-Gvir, quen insistía en formar parte dese selecto grupo que adoptaba as decisións máis relevantes en materia bélica.

O diario Haaretz apunta que todas estas cuestións pasarán agora a mans do gabinete de seguridade do Goberno, se ben as que se consideren máis "sensíbeis" dependerán dun foro máis reducido que se agarda que estea composto polos titulares de Defensa, Yoav Gallant, e de Asuntos Estratéxicos, Ron Dermer; do responsábel do Consello de Seguridade Nacional, Tzachi Hanegbi, e do presidente do partido sionista Shas, Aryeh Deri, que exercera de observador no gabinete de guerra e que está integrado no Executivo israelí.

E en resposta aos recentes recoñecementos oficiais do Estado de Palestina como suxeito político, entre outros do Estado español ou Irlanda, o Goberno de Netanyahu avanzou a súa intención de "reforzar" os asentamentos ilegais de colonos na rexión palestina de Cisxordania. Unha medida que xustifican como "resposta" aos recoñecementos "unilaterais".

As autoridades israelís poñen tamén en tea de xuízo os procedementos abertos na Corte Internacional de Xustiza e o Tribunal Penal Internacional contra Israel por xenocidio en Gaza, así como os avances de Palestina para integrarse no sistema das Nacións Unidas como membro de pleno dereito.

Comentarios