Madrid e Euskadi están á cabeza da emisión de CO2 por xeración eléctrica mentres a Galiza é a autonomía menos contaminante

Encoro de Velle, na cidade de Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
A Galiza é líder entre as autonomías do Estado español na implantación da enerxía renovábel, con 26 megawatts por hectárea.

A Comunidade de Madrid e Cantabria, con 2,9 megawatts (MW) por hectárea, son as autonomías do Estado con menor implantación das enerxías renovábeis, segundo un informe do Ministerio español para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco).

Pola súa parte, Euskadi, con 6,6 MW por hectárea, é a terceira pola cola nesta clasificación de implantación da renovábel. Todo o contrario que a Galiza, líder entre as autonomías do Estado español neste eido, con 26 megawatts por hectárea.

No que respecta á enerxía eólica, as diferenzas son aínda maiores. A Galiza, líder tamén na potencia por hectárea neste caso, conta con 12,6% da capacidade instalada no conxunto do Estado español, segundo as cifras de Rede Eléctrica. Por contra, Euskadi ten 0,6% da potencia instalada, mentres que a Comunidade de Madrid non ten nin un só megawatt.

Con todo, mentres que en Euskadi se están tramitando (o cal non quere dicir que vaian saír adiante todos eles) máis de 30 proxectos de parques eólicos e máis de 45 fotovoltaicos (42 en Araba), non parece que o Goberno da Comunidade de Madrid teña intención de desenvolver as enerxías renovábeis no seu territorio.

Isto supón un agravio comparativo para a Galiza, que ten que soportar as externalidades negativas da implantación dunha enerxía que consomen, en boa parte, outras autonomías. Ademais, a capacidade renovábel galega contribúe ao cumprimento do Estado español dos compromisos de transicións enerxética, mentres as sedes fiscais e a maioría dos empregos fican en lugares como Madrid ou Eukadi.

Un agravio cuxo tamaño é fácil de medir a través das cifras, pois mentres que a Galiza supón o 21,8% da produción total de enerxía renovábel no Estado español, Euskadi tan só xera o 1%, a penúltima nesta particular clasificación unicamente por detrás de Madrid con un 0,6%.

Ademais, segundo os datos de Iberdrola, con sede en Bilbo (Euskadi), a compañía tivo un impacto socioeconómico de 5.000 millóns de euros en 2023 na Comunidade de Madrid sen un só megawatt instalado e de 3.500 millóns de euros anuais en Euskadi, o que supón un 3,7% do PIB vasco, con 279 megawatts de potencia de xeración eléctrica.

Por contra, ao tempo que a multinacional dispón na Galiza dunha potencia de 2.217 MW, dos que 2.208 son de fonte renovábel (1.582 MW de fonte hidráulica e 626 MW de eólica terrestre), Iberdrola tan só deixa un impacto socioeconómico de 411 millóns de euros no país (incluíndo os investimentos, os salarios, a contribución fiscal e os pagos a provedores).