O Foro Económico da Galiza pide que as comunidades poidan propor un aumento do IVE

Comparecencia da FEG no Congreso esta segunda feira. (Foto: Europa Press)
O FEG é partidario dunha quita "per cápita" da débeda autonómica.

O grupo de persoas expertas do Foro Económico da Galiza expresou esta segunda feira no Congreso as súas dúbidas pola condonación da débeda autonómica pactada entre o Goberno estatal e ERC, que está baseado no perdón dunha porcentaxe deste déficit. Por contra, propuxeron unha quita parcial de débeda 'per cápita' para que a cidadanía de todos os territorios non sintan ningún tipo de "agravio comparativo".

"Isto significa que se a todos fannos unha quita de 1.000 euros 'per cápita' vánnola a facer na Galiza, en Andalucía, en Asturias ou en calquera lugar. Por tanto, a nivel persoal, os individuos non poden sentir ningún tipo de agravio comparativo", expuxo a experta María Cadaval durante a presentación na Cámara baixa española do informe do Foro Económico.

"Haberá que empezar por facer esa quita parcial dunha maneira ordenada e que sexa equitativa para todo o mundo e esta proposta que traemos éo. Pero non pensemos que unha quita de 20, de 25, de 30% é a solución nin é a panacea", advertiu a economista.

Así mesmo, este grupo de persoas expertas propuxo avanzar cara á un IVE colexiado onde as comunidades, cada vez que necesiten máis financiamento, teñan a posibilidade de propor un incremento no IVE. Iso si, este IVE tería que ser "igual" para todas as comunidades e se tería que acordar no Consello de Política Fiscal e Financeira, por maiorías cualificadas, "onde as comunidades autónomas van ter ou debesen ter que ser responsábeis dunha parte dese incremento de ingresos que necesitan, do mesmo xeito que dos impostos especiais".

Carlos Cuerpo e Alfonso Rueda

O ministro de Economía, Carlos Cuerpo, dixo esta segunda feira que cre que poderán satisfacerse as "singularidades" de todas as comunidades grazas á "suficiencia de recursos" do Estado e á negociación multilateral que os territorios manterán no Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), convocado para xullo.

Pola súa parte, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, volveu rexeitar esta segunda feira a negociación dun financiamento singular para as comunidades de forma separada e respondeu ao ministro de Economía que "se hai tanto diñeiro" se lle pague á Galiza o diñeiro que lle "debe" o Estado, dixo, para o financiamento de servizos.