Parlamento

O BNG denuncia que Galiza perde 1.000 millóns anuais co actual financiamento

Corgos urxe o Goberno español a actualizar as entregas a conta.
A deputada Noa Presas (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada nacionalista Noa Presas. (Foto: Nós Diario)

A Galiza perde máis de mil millóns de euros ao ano co actual sistema de financiamento autonómico. Esta é a denuncia que fixo esta cuarta feira no pleno do Parlamento a portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas.

A deputada nacionalista atribuíu esta importante perda de recursos a un modelo de financiamento  “obsoleto, inxusto e centralista”, e tamén á “submisión” a Xénova [sede do PP español] do Goberno galego, ao que emprazou a “deixar de navegar entre as súas contradicións” na defensa "dos intereses do país".

Presas interpelou o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, logo de que o PP vetase a súa comparecencia para falar dos últimos informes do Consello de Contas e, nomeadamente, do que analiza a relación económica que Galiza mantén co Estado a través dun sistema de financiamento autonómico que, lembrou, foi asinado polo PP e  leva xa dez anos caducado.

Un modelo, engadiu, que tiña que ser revisado xa en 2014, cando gobernaba o PP no Estado. O informe de Contas sobre 2009-2021 cifra os recursos perdidos en case 14.000 millóns de euros. “Un escándalo que demostra que a  Galiza perde co centralismo e coa submisión do PP”, reiterou Presas.

Na súa resposta, Corgos lembrou que o Goberno galego xa reiterou en diferentes ocasións a súa posición de necesidade "imperiosa" de revisar o modelo de financiamento, que mostra "falta de suficiencia".

Resalta que todas comunidades están infrafinanciadas, pero defende que a proposta e dispoñibilidade financeira debe partir do Ministerio de Facenda. O conselleiro Miguel Corgos tamén urxe ao Goberno estatal a actualizar as entregas a conta, "cun prexuízo de 300 millóns no que vai de ano".

Comentarios