A inflación cae até 1,5% en setembro, a marca máis baixa desde hai tres anos e medio

Dúas persoas observando os prezos dos alimentos nun supermercado de Santiago de Compostela o pasado mes de decembro (Foto: Arxina).
O abaratamento dos carburantes e o custo menor de alimentos e electricidade propiciou o descenso.

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) baixou un 0,6% en setembro en relación ao mes anterior e recortou oito décimas a súa taxa interanual, até 1,5%, a súa cifra máis baixa desde marzo de 2021, cando se situou en 1,3%, segundo os datos avanzados esta sexa feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

O organismo explicou que a moderación do IPC até 1,5% débese ao abaratamento dos carburantes e, en menor medida, ao menor custo dos alimentos e da electricidade, fronte á suba que experimentaron en setembro de 2023. Tamén inflúe o grupo de lecer e cultura, cuxos prezos baixaron con maior intesidade que un ano antes.

Co descenso do IPC interanual no noveno mes do ano, a inflación encadea catro meses consecutivos de descensos despois das subidas experimentadas en marzo, abril e maio, que levaron o IPC a escalar até 3,6%.

O INE incorpora no avance de datos do IPC unha estimación da inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos), que en setembro se moderou tres décimas, até 2,4%, nove décimas por riba da taxa xeral e a súa taxa máis baixa desde xaneiro de 2022.

O maior descenso en dous anos

En termos mensuais (setembro sobre agosto), o IPC reduciuse un 0,6% respecto ao mes anterior, o seu maior retroceso mensual en dous anos, en concreto desde setembro de 2022.

"A redución continuada da inflación segue poñendo de manifesto a eficacia das medidas de política económica e a capacidade da economía española de compatibilizar o maior crecemento económico entre os principais países da zona euro, catro veces superior á media da zona euro, cunha moderación dos prezos", destacou o Ministerio de Economía.

O ministro de Economía, Carlos Cuerpo, destacou en declaracións a RNE recollidas por Europa Press que estes factores, xunto coa boa marcha do mercado laboral, están a permitir mellorar o poder adquisitivo e a renda real dos fogares.

"A renda dispoñíbel mellorou por riba dos prezos. Aos poucos, os cidadáns van recuperando poder adquisitivo e xa está por encima da precrise de inflación que tivemos en 2022 [...] Recuperamos poder adquisitivo por riba dos países da nosa contorna", subliñou o ministro.

O INE publicará os datos definitivos do IPC de setembro o próximo 15 de outubro.