A inflación segue desbocada na Galiza: a suba de prezos, de 4%, é a máis alta do Estado

Un home facendo a compra nun supermercado (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press).
O dato interanual da Galiza supón o peor desde abril de 2023, posto que desde entón a taxa situouse por baixo de 4% de forma ininterrompida.

A Galiza continúa un mes máis como a autonomía con maior inflación do Estado español, cunha taxa interanual que repunta a 4% en maio, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) esta quinta feira.

Así, o índice de prezos de consumo (IPC) galego sitúase catro décimas porcentuais por encima da taxa de 3,6% que computa a media do Estado. De feito, o dato interanual da Galiza supón o peor desde abril de 2023, posto que desde entón a taxa situouse por baixo de 4% de forma ininterrompida.

A maior suba interanual de prezos na Galiza prodúcese en restaurantes e hoteis (5,8%), seguido de vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustíbeis (5,7%). Alimentos e bebidas non alcohólicas soben 5%. Mentres, o único grupo que baixa son as comunicacións (-0,2%).

Na variación mensual, hai un incremento de 0,2% na Galiza, neste caso unha décima porcentual por baixo do avance de 0,3% no conxunto do Estado. O IPC subiu respecto ao mes anterior e na súa taxa interanual debido ao encarecemento da electricidade e a que os carburantes baixaron os seus prezos menos que un ano antes.

A inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos), da que non se proporcionan datos desagregados para a Galiza, subiu unha décima porcentual en maio, para situarse en 3% e romper a tendencia á baixa que mantiña desde agosto de 2023.

Subas en hostalaría, vivenda e enerxía

O maior aumento no país prodúcese en restaurantes e hoteis (5,8%), dúas décimas menos que a suba que tivo o mes anterior. Séguelle o apartado de vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustíbeis (5,7%) que acumula aumentos desde o mes de xaneiro deste ano. Alimentos e bebidas non alcohólicas tamén soben até situarse en 5%. O único grupo que baixa é o de comunicacións (-0,2%). 

En termos mensuais (contabilizando de maio sobre o mes de abril), o IPC aumentou 0,3% tras subir os prezos do vestido e do calzado despois de rematar o período de rebaixas (+2,5%), os servizos de aloxamento e restauración (0,6%), e tamén a vivenda (+0,8%), neste caso por mor dos prezos da electricidade. Pola contra, o grupo de transportes recortou a súa taxa mensual 0,7% polo abaratamento dos carburantes respecto ao mes anterior.

A estatística tampouco ofrece datos sobre produtos concretos desagregados para a Galiza. Neste sentido, a nivel estatal, en taxa interanual (maio de 2024 sobre o mesmo mes de 2023), o que máis subiu de prezo foi o aceite de oliva (+62,8%), que acumula unha repunta de case 200% (198,5% exactamente) desde xaneiro de 2021, o que significa que o seu custo case se triplicou nos últimos tres anos.

En maio destacaron tamén as subas interanuais dos prezos do transporte marítimo de pasaxeiros (+22,2%), os paquetes turísticos estatais (+17,7%), os zumes de froitas e vexetais (+15,9%) e as cotas de subscricións a canles de televisión (+15,4%). Pola contra, en relación a maio de 2023, o que máis se abaratou nese quinto mes do ano e foron os outros aceites (-17,8%); os equipos de telefonía móbil (-11,3%); os voos internacionais (-7,5%); o gas natural (-6,1%) e os computadores persoais (-6%).

O profesor da USC e Coordinador da Liña e Investigación en Economía do IGADI, Diego Sande explica a Nós Diario, en parte, a variación dos prezos en determinados produtos por estar "no cambio de tempada, de clima e de vestimenta, coa chegada da época máis turística". Sande lembra os cambios no calculo do IPC que realizou hai uns anos o INE en relación ao apartado de vestido e calzado, pasando de tempadas a ser máis frecuentes. "Galiza depende en gran medida, pola súa especialización produtiva, do turismo e a hostalaría, e non esquezamos tamén a importancia do sector téxtil", aclara este economista.  

En relación á diferenza de prezos entre produtos, Sande considera que hai que ter moi en conta "a súa cadea de valor e se necesita moito transporte ou depende do prezo de  determinadas materias primas que necesita".  No caso dos alimentos, sobre todo do sector primario, este economista engade factores como a climatoloxía adversa ou determinados conflitos. "Foi o caso, tempo atrás, do trigo e o seu comportamento como consecuencia da guerra en Ucraína", pon como exemplo Sande. 

No caso da enerxía, este economista lembra a opción da UE de optar por determinados provedores, como o caso dos Estados Unidos de América (EUA) no caso do gas, e os custos de produción actuais dalgunhas enerxías renovábeis. 

O IPC que vén 

Sande sinala a importancia que terá nos vindeiros días a anunciada baixada de tipos de xuros do Banco Central Europeo. "Será un factor que afectará, dalgunha maneira, ás familias, sobre todo  as que teñan hipotecas de tipo variábel", indica, "mais tamén  ao endebedamento empresarial", agrega. Porén, entende que a variación "pode ser pequena como para recuperar e mellorar os datos actuais".   

Valoración do Ministerio

O Ministerio de Economía, Comercio e Empresa destacou onte  que, a nivel estatal, a taxa de 4,4%  no grupo de alimentos é unha das máis baixas desde novembro de 2021. O Departamento dirixido por Carlos Cuerpo atribuíu o aumento da inflación en maio até 3,6% para o efecto base en electricidade e carburantes e resaltou que a inflación segue reflectindo a capacidade da economía española de compatibilizar o crecemento económico "cunha moderación dos prezos e o mantemento do apoio aos máis vulnerábeis". 

Co avance do IPC interanual neste quinto mes do ano, a inflación encadea tres meses consecutivos de ascensos no Estado despois das subas de catro e unha décima experimentadas en marzo e abril, respectivamente.