A Galiza experimenta a maior suba de prezos do Estado español: a inflación creceu 3,7% en abril

Trátase do noveno mes consecutivo cunha maior suba do IPC interanual na Galiza que no Estado.
Un home facendo a compra nun supermercado (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press).
photo_camera Un home facendo a compra nun supermercado (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press).

A inflación creceu 3,7% na Galiza en abril con respecto ao mesmo mes do ano pasado, o que supón a maior suba entre todas as autonomías do Estado español e unha suba catro décimas porcentuais superior ao incremento dos prezos na media estatal, onde a variación do índice de prezos do consumo (IPC) ficou en 3,3% interanual.

Trátase do noveno mes consecutivo no que o incremento da inflación interanual é máis acusado na Galiza que no conxunto do Estado. Desta maneira, a última vez na que o rexistro do Instituto Nacional de Estatística (INE) foi a menor galego que estatal foi no mes de xullo de 2023.

Así, desde aquel momento, desde xullo de 2023, a Galiza é autonomía do Estado español onde máis subiron os prezos, en 3,1%. Nese mesmo período, todo o resto de comunidades experimentan rexistros por baixo de 3%, mentres que a media estatal fica en 2,6%, medio punto porcentual por baixo do dato galego.

En termos mensuais, con respecto a marzo, a suba dos prezos foi de 0,8% na Galiza, neste caso tamén por riba da taxa experimentada no conxunto do Estado español, onde o IPC medrou 0,7% entre o terceiro e o cuarto mes do ano 2024.

En concreto, os alimentos e as bebidas non alcohólicas incrementaron o seu prezo 5,6% no último ano na Galiza (case un punto porcentual máis que no Estado, onde a suba foi de 4,7% neste apartado), mentres que as bebidas alcohólicas e o tabaco encarecéronse 3,2%.

O vestido e o calzado (+0,4%), os gastos de vivenda (+4,4%) e o enxoval (+1,8%) tamén rexistraron aumentos nos seus prezos, do mesmo modo que as medicinas (+2,4%), o transporte (+3,5%), o lecer e a cultura (+2,2%), o ensino (+2,9%) e os hoteis, cafés e restaurantes (+5,8%). Só as comunicacións diminuíron os seus prezos no último ano, caendo 0,1%.

A inflación subxacente (neste caso sen datos desagregados para a Galiza), sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos, baixou catro décimas porcentuais en abril, ficando en 2,9%, situándose catro décimas porcentuais por baixo do IPC xeral do Estado e na súa taxa máis baixa desde xaneiro de 2022. É, ademais, a primeira vez en case dous anos en que a inflación subxacente se sitúa por baixo da taxa xeral de IPC. En concreto, non se daba esta situación desde novembro de 2022.

Comentarios