Luis Planas di que o persoal veterinario nas explotacións "será voluntario" e os sindicatos amosan unha "cauta satisfacción"
O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, avanzou esta sexta feira que a figura do veterinario de explotación será "voluntaria" e non obrigatoria para as explotacións gandeiras. Asegurouno durante a súa intervención na clausura do Foro de Diálogo da Gandería Extensiva en España que decorreu en Toledo (Castela-A Mancha).
Planas admitiu que a idea "nunca foi crear unha carga para o gandeiro senón unha figura que lle asesore en materia sanitaria" tras a preocupación xurdida en relación á Enfermidade Hemorrágica Epizoótica (EHE).
Porén, aínda que propón a non obrigatoriedade, quen o teña "terá vantaxes", avisou o ministro, e as que non o teñan "estarán sometidas a máis controis" e terán "maiores facilidades para realizar movementos co seu gando".
Opinión dos sindicatos
Desde a Federación Rural Galega (Fruga), o seu coordenador xeral, Manuel da Cal considera, en declaracións a Nós Diario, que “é bo rectificar cando se toman decisións equivocadas” aínda que sinala que “haberá que agardar como queda finalmente o texto definitivo”. Ademais, Da Cal lembra que esta proposta era “imposíbel de levar a cabo pola falta de profesionais en relación á cantidade de explotacións que temos”.
Por parte do Sindicato Labrego Galego, (SLG), a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba, que asistiu ao Foro, indica a Nós Diario que atopa “positivo” o anuncio aínda que cre que a mediada “era inviábel”.
En todo caso, alerta de que "non estamos dispostas a que haxa unha chantaxe ás explotacións que non teñan ese veterinario". Da mesma maneira, Vilalba quere "ser cauta" nas opinións até non ver como queda o texto definitivo.
Alén diso, a sindicalista botou en falta a presenza de representantes da Xunta da Galiza nun foro tan importante "e no que estaban presentes outras comunidades".