Luis Planas di que o persoal veterinario nas explotacións "será voluntario" e os sindicatos amosan unha "cauta satisfacción"

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación asegurou esta sexta feira, na clausura do Foro de Diálogo da Gandería Extensiva en España que decorreu en Toledo, que quen conte coa figura de veterinario de explotación "terá vantaxes".
Luis Planas na clausura do Foro de Diálogo da Gandaría (Foto: Juan Moreno / Europa Press).
photo_camera Luis Planas na clausura do Foro de Diálogo da Gandaría. (Foto: Juan Moreno / Europa Press).

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, avanzou esta sexta feira que a figura do veterinario de explotación será "voluntaria" e non obrigatoria para as explotacións gandeiras. Asegurouno durante a súa intervención na clausura do Foro de Diálogo da Gandería Extensiva en España que decorreu en Toledo (Castela-A Mancha). 

Planas admitiu que a idea "nunca foi crear unha carga para o gandeiro senón unha figura que lle asesore en materia sanitaria" tras a preocupación xurdida en relación á Enfermidade Hemorrágica Epizoótica (EHE).

Porén, aínda que propón a non obrigatoriedade, quen o teña "terá vantaxes", avisou o ministro, e as que non o teñan "estarán sometidas a máis controis" e terán "maiores facilidades para realizar movementos co seu gando". 

Opinión dos sindicatos

Desde a Federación Rural Galega (Fruga), o seu coordenador xeral, Manuel da Cal considera, en declaracións a Nós Diario, que “é bo rectificar cando se toman decisións equivocadas” aínda que sinala que “haberá que agardar como queda finalmente o texto definitivo”. Ademais, Da Cal lembra que esta proposta era “imposíbel de levar a cabo pola falta de profesionais en relación á cantidade de explotacións que temos”. 

Por parte do Sindicato Labrego Galego, (SLG), a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba, que asistiu ao Foro, indica a Nós Diario que atopa “positivo” o anuncio aínda que cre que a mediada “era inviábel”.

En todo caso, alerta de que "non estamos dispostas a que haxa unha chantaxe ás explotacións que non teñan ese veterinario". Da mesma maneira, Vilalba quere "ser cauta" nas opinións até non ver como queda o texto definitivo.

Alén diso, a sindicalista botou en falta a presenza de representantes da Xunta da Galiza nun foro tan importante "e no que estaban presentes outras comunidades".

Comentarios