Montero esquiva o debate sobre o novo financiamento e centra a reunión coas autonomías en marcar a senda de déficit

A ministra española de Facenda, María Jesús Montero, esta segunda feira (Foto: Mateo Lanzuela / Europa Press).
A reunión entre as autonomías e o Executivo estatal co gallo do reparto da repercusión dos obxectivos de déficit esperábase tamén como unha oportunidade para debater o modelo de financiamento autonómico. Porén, a ministra de Facenda, María Jesús Montero, preferiu esquivar este tema e centrarse na senda de déficit.

A vicepresidenta primeira e ministra española de Facenda, María Jesús Montero, comunicou esta segunda feira aos Gobernos da autonomías do Estado que recibirán en 2025 un total de 147.412 millóns de euros en conceptos de entregas a conta do sistema de financiamento autonómico, á vez que informou que as comunidades contarán con maior marxe fiscal para o período 2025-2027.

Segundo fontes do Ministerio español de Facenda, Montero trasladou estes datos no Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) que decorreu esta segunda feira na sede ministerial. Trátase dun 9,5% máis en recursos provenientes do Estado con respecto aos que recibiron en 2024, o que supón un "novo récord" en financiamento autonómico. 

Porén, evitou o debate sobre un novo modelo de financiamento das autonomías, centrándose no obxectivo de estabilidade para o período 2025-2027. Este reflicte unha maior marxe fiscal para as comunidades, pois mentres a senda vixente contemplaba que as autonomías debían rexistrar un superávit de 0,1% en 2025 e 2026, a nova contempla un obxectivo de déficit de -0,1% nos anos 2025, 2026 e 2027. Iso implica que as comunidades autónomas contarán con dúas décimas máis de marxe fiscal. En canto á débeda pública, o obxectivo fixado para as comunidades autónomas será de 20,8% do PIB para 2025, 20% para 2026 e 19,4% para 2027.

O Goberno estatal tamén comunicou os obxectivos de estabilidade das corporacións municipais, cuxa senda se flexibilizou respecto á vixente. Até o de agora, as entidades locais tiñan un obxectivo de superávit de 0,1% en 2025 e de 0,2% en 2026. Agora, coa nova senda o obxectivo é de equilibrio orzamentario para todo o período 2025-2027, o que supón para as entidades locais unha décima máis de marxe en 2025 e dúas máis no ano 2026.

Ademais, segundo informou Facenda, o Goberno estatal entregará en 2025 unhas entregas a conta "récord" de 26.893 millóns de euros ás entidades locais, 13,1% máis que en 2024. En total, incluíndo tamén a liquidación do sistema de financiamento, os municipios recibirán 28.935 millóns de euros en 2025, o que supón "o maior financiamento da súa historia".

Redución do déficit

Por outra parte, Montero mantivo o compromiso do Goberno español de baixar o déficit público a 3% do PIB este ano e informou da senda descendente fixada polo Executivo estatal para os próximos anos, que pasa por baixalo a 2,5% en 2025, a 2,1% en 2026 e a 1,8% en 2027.

Así o avanzou tras a reunión das autonomías para acordar a repartición do déficit conxunto das Administracións públicas de 2025, cando o Estado español se comprometeu con Bruxelas a unha cifra de 2,5% do PIB. A repartición dos obxectivos de déficit e de débeda entre os distintos niveis da Administración é un requisito necesario para que o Consello de Ministros e Ministras poida aprobar o teito de gasto para o próximo ano e dar así inicio á elaboración dos Orzamentos Xerais do Estado.

Abstención da Galiza

O Goberno galego abstívose na votación do obxectivo de estabilidade, a diferenza do ano pasado, no que votou en contra por ser unha revisión "aínda peor". "Este ano abstivémonos porque, polo menos, tiñamos esa capacidade de endebedamento", explicou o conselleiro galego de Facenda, Miguel Corgos, quen afirmou que saíu "bastante decepcionado" do CPFF porque o Goberno español "non deu resposta a ningún dos puntos" que a Galiza quería coñecer nesta reunión: nin concreción de entregas a contas nin a "posición" do Executivo estatal sobre un novo financiamento autonómico.

"Non obtivemos os ingresos a conta do sistema de financiamento para elaborar os orzamentos do ano que vén", censurou ao rematar a reunión, que durou catro horas. Por outra parte, lembrou que estas entregas supoñen 80% dos recursos das contas da Galiza, polo que o Goberno galego necesita "o dato exacto" para poder elaborar o teito de gasto do vindeiro ano.

"Posición de país"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou esta segunda feira a posición do Goberno galego sobre o financiamento autonómico e pediu un "status singular" para a Galiza, similar ao de Euskadi, que lle permita dispor de "máis recursos". Neste sentido, lamentou que a Xunta da Galiza non fose ao CPFF cunha "posición de país" para defender os intereses galegos. Segundo Pontón, o Executivo galego liderado polo PP está "subordinado" ás directrices do seu partido a nivel estatal, a pesar de ser un "debate clave" de fronte ao futuro, para que a Galiza non "quede atrás" das outras nacionalidades históricas.

O novo financiamento autonómico a debate

Pontón subliñou esta segunda feira que a Galiza ten o status de Nacionalidade Histórica, e lembrou o modelo de Euskadi, "que permite recadar e decidir que facer cos seus impostos". Un debate, dixo, que "tamén se está dando en Catalunya". "Se alguén necesita un tratamento singular, esa é a Galiza e creo que é a posición de país que había que defender", reivindicou. Neste sentido, Corgos defendeu que se recollan "as singularidades que ten a Galiza" por custos de envellecemento e dispersión, mais posteriormente opúxose a modelos específicos como o que pide Catalunya. Pola súa parte, o delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, avogou esta segunda feira por actualizar o financiamento autonómico tendo en conta as "particularidades" de cada autonomía. Porén, o Executivo estatal optou por desligar o CPFF de do debate sobre o novo financiamento.