‘Negocios de familia’: procesos xudiciais pendentes sobre a fin das caixas galegas

José Luís Méndez, ex-director de Caixa Galiza

Até agora a Audiencia Nacional só investigou o caso das prexubilacións dos exdirectivos. Hai pendentes varias denuncias, como as referidas ás condicións do resgate ou comportamentos irregulares de antigos responsábeis das entidades.

Os exdirectivos de NGB que entraron esta semana na prisión da Lama fixérono en relación a un caso, o das prexubilacións. Que é só unha das denuncias presentadas a respecto do acontecido no proceso de fusión das caixas galegas. Hainas que fan referencia ás condicións do resgate e outras a comportamentos irregulares de ex-directivos. Lembrábao estes días o secretario nacional de CIG-Banca, Clodo Montero, a respecto da serie de denuncias presentadas ante a Fiscalía Xeral do Estado, algunhas das cales lle deu traslado á Fiscalía Anticorrupción. Montero apunta neste sentido á denuncia contra o ex-director da Corporación Caixa Galicia, José Luis Méndez López.

Méndez López e o seu fillo, José Luis Méndez Pascual, conselleiro delegado, estarían supostamente involucrados en operacións de compra-venda de activos desta entidade financeira por baixo do valor de taxación fixado pola propia caixa. Pisos, garaxes e locais que venderon á muller de J. L. Méndez (posterior á separación de bens) por baixo do prezo taxado. Isto é o que denunciou o sindicato nacionalista.

Así, e sempre segundo esta denuncia, Rosa Pascual, muller do ex-director de Caixa Galicia e nai dun conselleiro delegado da Corporación CG, adquiriu en tres operacións desenvolvidas entre decembro de 2009 e novembro de 2010 catro vivendas, un local e sete garaxes en Compostela e A Coruña polas que pagou uns 1.500 mil euros. Unha cantidade case 300.000 euros por baixo do prezo de taxación que a propia Caixa Galicia estabelecera para eses inmobles, 1.800.0000 euros.