Radiografía dun sector en crise: o prezo do leite na Galiza continúa a súa caída e segue á cola do Estado español

Vacas nunha gandaría de produción láctea en Sabadelle, Chantada. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Case 400 produtores e produtoras de leite deixaron de realizar entregas nun ano.

O prezo que se paga aos produtores e produtoras galegas polo seu leite situouse en 45,6 céntimos por litro de media en xuño, o que supón un novo descenso fronte aos 45,9 céntimos de maio, polo que a Galiza volveu situarse á cola do Estado español.

Segundo os datos publicados polo Ministerio español de Agricultura, o dato galego é dous céntimos inferior á media estatal de 47,8 céntimos -tamén descende desde os 48,4 céntimos de maio-. Ademais, o diferencial coa veciña Asturias (51,1 céntimos) é de máis de cinco céntimos por litro.

Na comparativa con xuño de 2023, o prezo do litro de leite sufriu unha caída de seis céntimos na Galiza, que por aquel entón atopábase en 51,7 céntimos. Este derrubamento é máis acusado que os cinco céntimos de recorte na media estatal no mesmo período.

Mentres, os produtores e as produtoras de leite que realizan entregas seguen baixando, son 5.463 en xuño na Galiza, 31 menos que o mes anterior e 390 menos que un ano antes. Respecto ás entregas, houbo 260.390 toneladas na Galiza en xuño, o que se traduce nun descenso fronte ás 272.020 dun mes antes.

Presión da industria

Neste contexto, as pequenas explotacións lácteas atópanse coa presión da industria baixo a ameaza de que se quedarán sen ter a recollida do seu produto. Diante deste panorama, os sindicatos agrarios denunciaron o pasado mes de xullo unha situación que se repite cada ano e que pode rematar coa desaparición dunha boa parte das granxas de leite de menor dimensión da Galiza.

Para o gandeiro e coordinador de sectores gandeiros da Federación Rural Galega (Fruga), Elías Somoza, as baixadas de prezos, sobre todo antes de que se iniciasen os novos contratos este mes de agosto, “foron arbitrarias e sen ningún tipo de xustificación”. Puxo como exemplo, en conversa con Nós Diario, a situación que se vive noutros países da Unión Europea “que teñen escaseza de leite e os prezos non baixan".

Pola súa parte, desde o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), o coordinador do sector, Xulio Fernández, sinalaba a Nós Diario que "as baixadas foron xeneralizadas, con dinámicas en empresas como Lactalis e Leite Río de estar por baixo da barreira psicolóxica dos 40 céntimos por litro". Esta circunstancia facilítalles "rebaixas superiores" a partir dunha primeira "oferta trampa" que busca "que se renuncie ao contrato anual por outro de catro meses".

Unhas mil explotacións non poderán sacar adiante a súa produción, segundo denunciaba Unións Agrarias (UUAA) o pasado 25 de xullo despois de comprobar que algunhas empresas anunciaran ás granxas de menores dimensións a súa intención de cancelar a recollida do leite a partir do 1 de agosto. A organización lembraba que case 50% das explotacións de leite, arredor de 2.500, son familiares e producen menos de 200.000 quilos.