O sector do marisqueo a pé denuncia que ficará sen as axudas da Xunta: cales son os motivos?

Unha mariscadora a pé da Confraría de Noia durante unha xornada de traballo. (Foto: Pedro G. Losada)
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, anunciaban a pasada semana unhas axudas para o sector do marisqueo a pé que foron publicadas esta segunda feira. Porén, desde o sector denuncian as condicións "imposíbeis" para gran parte das profesionais.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou esta segunda feira a convocatoria de axudas destinadas a mariscadoras e mariscadores a pé, cunha dotación de 1,2 millóns de euros nunha partida financiada ao 70% con fondos da Unión Europea (UE).

A estas axudas só poderán acceder as mariscadoras e mariscadores a pé de 13 confrarías (Cabo de Cruz, Cariño, Baldaio, Noia, Rianxo, Carril, Vilanova de Arousa, Vilaboa, Lourizán, Pontevedra, Raxó, Arcade e Redondela) do total de 63 que hai no país. Ademais, o sector advirte duns requisitos moi complicados para a maioría das profesionais que pertencen a estes 13 pósitos.

A Confraría de Pescadores de Noia é a que máis mariscadores e mariscadoras a pé ten en toda a Galiza, cun total de 395 licenzas. Neste sentido, segundo denuncia o presidente da Agrupación do Marisqueo a Pé deste pósito, Francisco Pérez, "estimamos que poderán acceder a estas axudas apenas catro ou cinco persoas [o que suporía un 1,3% das profesionais]".

Un dos requisitos para acceder a estas axudas, explica o mariscador, "é ter acreditados un total de 120 días de venta nos anos 2022 e 2023". No caso da Confraría de Noia, que conta cun Plan de Xestión de apenas cinco meses ao ano, as profesionais terían que ter traballado a práctica totalidade  das campañas deses anos para poder acceder a estas axudas.

Mais isto non foi así, xa que, como lembra Pérez, "en 2023 tivemos que solicitar un fechamento [dos bancos marisqueiros] por forza maior (por causas inevitábeis e alleas á nosa vontade)". Isto provoca, segundo denuncia, "que a gran maioría das persoas traballadoras no marisqueo a pé da Confraría de Noia queden excluídas destas axudas".

As únicas que poderían optar, explica, "serían as que, por sorteo, fosen tamén ás concesións de Muros e ao libre marisqueo, unha porcentaxe moi pequena". Con todo, engade, "aínda cumprindo con este requisito, o resto de condicións fan que sexa practicamente imposíbel ser beneficiaria desta liña de axudas e que as persoas mais necesitadas sexan precisamente as mais prexudicadas". 

Temor por unha baixa execución dos fondos

"Cando unhas axudas non chegan ás persoas ás que están dirixidas é que algo falla, e neste caso, falla absolutamente todo", critica o presidente da Agrupación de Marisqueo a Pé da Confraría de Noia. "Isto deixa en evidencia o lonxe que está a redacción destas axudas da realidade dun sector que está a pasar por un momento moi complicado", acrecenta. 

"Gustaríame saber canto do orzamentado nesta partida vai chegar ás mariscadoras de a pé. Porque dá a impresión de que non paramos de recibir axudas e, de momento, non nos chega ningunha", conclúe Pérez. O sector teme que se repita unha situación semellante á do ano 2020, cando a Xunta convocou 5,2 millóns de euros de axuda para o marisqueo a pé mais finalmente executou 142.000 euros, devolvendo fondos non empregados á Unión Europea.