O sistema de financiamento xerou un déficit a sanidade, educación e servizos sociais de 1.541 millóns en 2022

O déficit xerado pola sistema de financiamento tense incrementado desde 2009. (Foto: Arxina).

O artigo 158.1 da Constitución española considera a sanidade, a educación, as pensións e os servizos sociais como servizos públicos fundamentais e, precisamente, por iso o sistema de financiamento en vigor distíngueos do resto das competencias asumidas polas comunidades autónomas.

O investimento sanitario, educativo, en servizos sociais e pensións sumou en 2022 un total de 8.551 millóns de euros e representou o 68,1% do total do orzamento galego desa anualidade. Segundo os datos da liquidación das contas públicas galegas achegados polo Ministerio de Facenda, a Xunta da Galiza destinou a financiar a sanidade 4.922 millóns de euros, a educación 2.709 millóns de euros, a servizos sociais 912 millóns de euros e ás pensións non contributivas 7 millóns de euros.

O sistema sanitario concentra a contía máis elevada dos fondos destinados á prestación dos servizos do sistema de benestar. A súa maior parte destínase a remunerar o persoal, mais outras cantidades importantes están dirixidas a cubrir o gasto sanitario e o mantemento e funcionamento dos centros de saúde e hospitais. Nesta liña, sumou o 39,2% do orzamento galego. As partidas dirixidas ao funcionamento do sistema educativo responden a unha lóxica de gasto semellante, representando nesa anualidade o 21,5% do monto das contas públicas.

Os custos dos servizos

As partidas dedicadas ao financiamento dos servizos sociais e das pensións non contributivas supoñen unha cantidade moito menor nas contas galegas. Así, no primeiro caso, incorpóranse, entre outros, os fondos dedicados a financiar o sistema de dependencia e as políticas para menores, cun 7,2% do total do orzamento galego de 2022. As partidas destinadas a garantir a prestación das pensións non contributivas significaron o 0,05% dos orzamentos galegos do exercicio de 2022, o último liquidado polo Ministerio de Facenda.

A liquidación do sistema de financiamento de 2022 desvela que o Goberno do Estado transferiu á Galiza nesa anualidade 7.010 millóns de euros para sufragar a prestación dos servizos sanitarios, educativos e de dependencia, que conforman os piares básicos do modelo de benestar. A contía transferida ao Executivo galego pola facenda estatal para financiar estes servizos representou o 45,5% do total do recadado pola Administración Estatal da Axencia Tributaria (AEAT) no país, cuxa cifra final alcanzou un mínimo de 15.385 millóns de euros.

O déficit de 2022

O economista Xosé Díaz, presidente da Comisión de Economía e Facenda do Parlamento galego na V lexislatura (1997-2001) e autor de ensaios como As contas que nos contan (publicado en Sermos Galiza S.A.) e Autogoberno e sistemas de financiamento (publicado en Laiovento), cifra no seu recente traballo Os resultados da liquidación do réxime común ou das "rexións" en 2022 o déficit xerado polo modelo de financiamento vixente á sanidade, á educación, ás pensións e aos servizos sociais galegos en 1.541 millóns de euros.

Os datos achegados por Díaz para 2022, procedentes da liquidación do sistema de financiamento dese ano, a última elaborada polo Ministerio de Facenda, sitúanse na tendencia dos últimos 15 anos.En 2021, o Goberno galego dedicou 8.337 millóns a financiar as prestacións sanitarias, educativas, sociais e de pensións, mais o Estado só transferiu á Administración galega 6.269 millóns para custear estas prestacións, xerando un déficit de 2.068 millóns aos servizos públicos fundamentais.

O saldo para o sistema de benestar galego destes 14 anos de vixencia do actual modelo de financiamento é negativo. A este respecto, Díaz apunta a Nós Diario que “o déficit xerado polo sistema de financiamento nos servizos públicos fundamentais, aqueles considerados como tales polo artigo 158.1 da Constitución española, ascende a 22.188 millóns de euros no período comprendido entre 2009, ano de entrada en vigor do actual modelo de financiamento, e 2022, último ano do que contamos con datos liquidados polo Ministerio de Facenda”.

Díaz explica que “ao non tomar en conta o custo real das competencias, o principio de suficiencia fai augas por todas as partes”. Precisamente o principio de suficiencia é un dos eixos teóricos básicos do actual modelo, dirixido a garantir os recursos necesarios para financiar o custo real das competencias que fan parte do autogoberno. Neste punto, Díaz engade que “o defecto do principio de suficiencia é a utilización da chamada poboación axustada como equivalente ao custo das competencias do autogoberno”.

Consello de Contas

Os estudos elaborados polos organismos públicos destacan, tamén, o déficit que o sistema de financiamento crea á sanidade, á educación e aos servizos sociais galegos. Así, o Consello de Contas, no informe de fiscalización da Conta Xeral da Galiza de 2020, advertía da “insuficiencia do actual modelo para proporcionar os recursos financeiros necesarios para a cobertura das necesidades de gasto" dos servizos da súa competencia”.

O Consello de Contas remataba en 2020 considerando "de urxencia" a aprobación dun novo modelo que solucione estas insuficiencias, "en consonancia cos elementos diferenciais que concorren na prestación dos servizos que realiza a nosa Comunidade Autónoma". A este respecto, o propio conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, cifrou en 2022 no Parlamento da Galiza os sobrecustos na prestación de servizos derivados só da dispersión poboacional en 500 millóns de euros anuais.

O Estado causou en 14 anos un furado de 22.188 millóns ao sistema de benestar da Galiza

Xosé Díaz sitúa o déficit xerado polo sistema de financiamento nos servizos públicos fundamentais galegos entre 2009 e 2022 en 22.188 millóns de euros. Segundo recolle no seu traballo Os resultados da liquidación do réxime común ou das "rexións" en 2022, tomando como base os datos fornecidos para o período polo Ministerio de Facenda, o saldo negativo máis desfavorábel deuse en 2009, onde o déficit alcanzou 2.977 millóns de euros, e o máis favorábel en 2018, cando o déficit marcou 1.025 millóns de euros.

O Consello de Contas da Galiza, nun informe presentado en maio de 2024 baixo o título de Informe sobre os resultados para Galiza do sistema de financiamento das comunidades autónomas do réxime común, chegaba a unhas conclusións moi semellantes. Neste caso, o órgano fiscalizador galego cifraba o déficit xerado polo sistema de financiamento na sanidade, na educación, nas pensións e nos servizos sociais galegos para o período de 2009 a 2021 en 19.956 millóns de euros.

O órgano fiscalizador sinala no documento remitido ao Parlamento da Galiza que “a determinación das necesidades de gasto a financiar polo sistema é o outro dos elementos chave do modelo” e denuncia que “con todo, esta determinación non se realiza en función do custo efectivo dos servizos, para o que, por outra banda, existen carencias na información dos sistemas contábeis das comunidades autónomas, senón dun indicador, poboación axustada que no deseño actual non reflicte as necesidades reais das competencias autonómicas”.