O SLG solicita unha prórroga para a vacinación da lingua azul até que a EHE estea controlada

Varias vacas de leite nunha granxa da parroquia de Piñeiro en Xermade (Terra Chá). (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O sindicato pide que se permita levar os animais sans ao matadorio e a outros destinos sen a pauta completa de vacinación da lingua azul, argumentando que os efectos negativos nos animais enfermos de EHE xustifican a recomendación veterinaria de non vacinar contra a lingua azul.

A Consellaría do Medio Rural vén de aplicar unha nova prórroga até o 8 de setembro que permite ás granxas levar ao matadoiro —e a outros destinos como mercados, reprodución, etc.— animais sans sen a pauta de vacinación completa para a lingua azul, unha doenza que, ao igual que no caso da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), non se transmite ás persoas.

Desde o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) solicitan a Medio Rural a ampliación deste permiso até que sexa confirmada unha baixada significativa de casos de EHE, que neste momento está en plena expansión chegando a cada vez máis comarcas veterinarias.

De feito, segundo explican desde o SLG-CCLL, naqueles territorios nos que hai moitos casos de EHE o propio persoal veterinario está recomendando como mínimo un adiamento da vacinación da lingua azul. Esta posición é tamén compartida pola propia Consellaría, que ten indicando que nos casos de afección por EHE había liberdade para realizar a vacinación no momento máis idóneo.

Dados os “efectos secundarios negativos que están a provocar todas as versións da vacina da lingua azul postas en circulación até o momento, á vista de que unha parte importante da cabana gandeira pasa esta doenza sen apenas síntomas e que esta non é unha enfermidade que as reses poidan transmitir aos seres humanos”, desde o SLG-CCLL consideran que se debe paralizar a vacinación da lingua azul nas zonas afectadas por EHE ou, cando menos, “prorrogar a liberdade das granxas para poder decidir sobre a mesma até que a incidencia da EHE estea controlada”.

O pasado 28 de agosto, a Xunta da Galiza notificou ao Ministerio español de Agricultura, Pesca e Alimentación a detección de nove novos focos de enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) en granxas galegas. Trátase de dous focos localizados nas comarcas veterinarias de Chantada e Terra Chá-Guitiriz, dous nas de Allariz e O Carballiño, e cinco focos nas da Paradanta, Deza, O Condado, Pontevedra-O Morrazo e Tabeirós-Terra de montes.

Coas novas confirmacións, a Galiza ten notificados focos en 24 comarcas veterinarias (A Gudiña, A Limia, Allariz, Baixa Limia, Maceda, O Carballiño, Ourense, Terra de Caldelas, Terra de Celanova, Terra de Trives, Verín, Viana, Chantada, A Fonsagrada, Lugo, Os Ancares, Sarria, Terra Cha-Guitiriz, Terra de Lemos-Quiroga, A Paradanta, O Deza, O Condado, Pontevedra-O Morrazo e Tabeirós-Terra de Montes) neste período estacional de circulación do vector transmisor.

Desta maneira, o número de explotacións con casos confirmados en laboratorio sitúase en 524 e os animais que deron positivo nun total de 1.130. A EHE trátase dunha enfermidade infecciosa, mais non contaxiosa, producida por un virus que se transmite aos animais (e non ás persoas) a través da picadura dos mosquitos transmisores.