A UE descoñece o proxecto de Altri malia a pasteira asegurar que a "relación é fluída"

Lagoa de Quintas, en Palas de Rei (A Ulloa), localización onde Altri quere construír a macrocelulosa. [Foto: Juan Mañá]
Van tres convocatorias do Proxecto estratéxico para a recuperación e a transformación económica (Perte) da descarbonización. Altri di que para abrir a súa celulosa na Ulloa precisa 250 millóns dese Perte. Porén, cada convocatoria foi duns 200 millóns a repartir entre 10 ou 12 empresas e a cuarta convocatoria será de 140 millóns.

A pasteira portuguesa Altri sostén que de non recibir 250 millóns de euros de fondos públicos para o seu proxecto de macrocelulosa en Palas de Rei (A Ulloa) “non o imos lanzar”, así o asegurou o director do proxecto, Bruno Dapena, nunha xuntanza con veciñanza en Palas de Rei en marzo, e así o ratificou o máximo directivo de Altri, José Soares de Pina, nunha rolda de prensa no Hostal dos Reis Católicos o mes pasado. Neste mes de xullo, a Comisión Europea asegura non ter coñecemento do Proxecto Gama -nome do proxecto para a construción da celulosa de Altri- e a empresa, preguntada por Nós Diario até en dúas ocasións, afirma ter “unha relación moi fluída” con todas as administracións, nomeadamente a europea.

Ter 25% de fondos públicos do custo total da pasteira, di Altri, é condición indispensábel para levar a cabo o seu proxecto de macrocelulosa en Palas de Rei. Desde a empresa aseguran, a preguntas de Nós Diario, que “mantemos diálogo fluído con todas as administracións: autonómica, estatal e europea, para ter o financiamento que poida permitir facer realidade o Proxecto Gama”. Esta afirmación de Altri contradí a Comisión Europea.

En resposta a unha pregunta da eurodeputada do BNG, Ana Miranda, Paolo Gentiloni, comisario europeo de Asuntos Económicos e Monetarios do Executivo de Von der Leyen, asegurou este mes que "no contexto do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, a Comisión aínda non recibiu ningunha solicitude de pagamento de España que requira avaliación da fábrica de celulosa e fibras téxtiles situada en Palas de Rei, no marco dun Perte". Os fondos públicos son, segundo ten reiterado Altri, algo fundamental para o seu proxecto da macrocelulosa en Palas de Rei, pero semella pola marcha do Perte da descarbonización que non van vir da UE.

Nós Diario preguntou ao Ministerio español de Industria a respecto das dúas convocatorias que quedan do Perte da descarbonización e a tramitación do proxecto de Altri para concorrer a estes fondos. Desde o Ministerio de Jordi Hereu afirman a este xornal: “Non sabemos nada do que preguntas”, e apelan á Lei de Protección de Datos para asegurar: “Non podemos falar de empresas concretas”.

O Ministerio de Industria perante o Proxecto Gama

Até tres ministros de Industria do PSOE téñense implicado publicamente neste proxecto. A primeira foi Reyes Maroto, que segundo dixo publicamente tiña apalabrados 100 millóns de euros de cartos públicos para a macrocelulosa de Altri en Palas de Rei antes de saír do Goberno para concorrer como candidata á Alcaldía de Madrid o 28 de maio de 2023. O seu substituto, Héctor Gómez, recibiu o encargo do proxecto de Altri con  interese, de feito desprazouse a Lisboa en xullo de 2023 para reunirse cos responsábeis da empresa portuguesa, un encontro no que o Goberno do Estado e Altri acordaron e publicaron darse un prazo para axustar o proxecto á normativa europea.

Hai xusto un ano, o ministro de Industria naquela altura declarou publicamente en Lisboa que “por iso vin até aquí, para coñecer e acompañar, porque o apoio cara a este tipo de iniciativas debe contar con toda a nosa atención". Nese momento tamén o delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, fixo declaracións afirmando que “o Goberno galego sabe que o proxecto, tal e como eles o presentaron inicialmente, e como xa dixemos, non se axustaba aos criterios exixidos pola UE”. E mesmo asegurou que “lembrámoslle ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, que en cuestións tan serias non vale facer populismo, hai que axustarse á legalidade”.

Antes de deixar o Ministerio de Industria, Héctor Gómez mantivo un encontro en Madrid co presidente da Xunta, no que deixou clara a “predisposición do Goberno a atopar encaixe á macrocelulosa de Altri en Palas de Rei dentro dos fondos da UE”. O 23 de xullo de 2023 celebrábanse novas eleccións estatais e un novo goberno de Pedro Sánchez (PSOE) nomeou un novo ministro de Industria, Jordi Hereu. Desde a súa toma de posesión ten respondido no Senado a varias preguntas do PP a respecto de Altri. Explicou na Cámara Alta que a empresa finalmente mandou a documentación para tramitar os fondos da UE en decembro de 2023.

De momento non entrou nas primeiras convocatorias do Perte da descarbonización, quedan dúas para o segundo semestre do ano. Fontes do PSdeG explicaron a Nós Diario que a pretensión de Altri de conseguir 250 millóns de euros deste Perte “non é viábel”, polo que os socialistas apuntan cara a outras vías de financiamento público da macrocelulosa, algo que deixou claro o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, preguntando en numerosas ocasións estes meses a Alfonso Rueda sobre a cifra que a Xunta da Galiza estaba disposta a achegar á celulosa.

A Xunta quere financiar

Na Xunta da Galiza o presidente Rueda amosou a súa intención de financiar o proxecto en caso de ser necesario, pero a conselleira de Industria, María Xesús Lourenzá, recoñeceu que o Goberno galego non ten mecanismos legais para facer este tipo de operacións financeiras. A falta de saber de onde van saír os cartos que reclama a multinacional lusa Altri, esta empresa asegura a Nós Diario que “existen contactos fluídos coas diferentes administracións, incluída a europea, como non podía ser doutro xeito, co obxectivo de artellar un esquema de financiamento axeitado”.

O Proxecto Gama mudou de Perte para poder optar a financiamento

A sociedade público privada Impulsa Galiza abandeirou o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei desde o seu inicio. De facto, e antes de facerse público o proxecto, Impulsa Galiza acompañou no mes de abril de 2023 representantes de Altri a Bruxelas. Segundo explicaron na web oficial de Impulsa, á reunión asistiron Enyd López, directora de Impulsa Galiza (naquel momento e substituída tres meses despois por Javier Pombo); por parte de Altri José Pina, conselleiro delegado, e Carlos Van Zeller, vicepresidente do comité executivo; e por parte da Comisión Europea, Emmanuelle Maire, responsábel da unidade de Economía Circular, Produción Sostíbel e Consumo do departamento de Medio Ambiente, e José María Ramos Florido, pola Dirección Xeral de Medio Ambiente.

Acudiron a Bruxelas presentando o de Altri como “un proxecto tractor baseado na transformación da madeira en fibra téxtil baixo principios de sostibilidade e circularidade”. Aquel argumento de hai un ano non serviu xa que o que Altri e Impulsa formulaban como un feche do círculo da madeira na Galiza coa "fabricación de 200.000 toneladas anuais de fibra téxtil sostíbel”, non convenceu o Goberno do Estado, que rexeitou o encaixe de Altri no Perte da economía circular e pasou a situalo no da descarbonización. Xa daquela, e segundo a información publicada na web de Impulsa Galiza, referíanse a un investimento “superior aos 800 millóns de euros, e estímase que o centro xere 2.500 postos de traballo directos e indirectos e sinerxías con outros sectores chave da economía galega, como o forestal e o téxtil”.