As vendas do comercio retallista galego caen 1,1% en maio
A nivel estatal repunta 0,4%
O comercio retallista galego rexistrou en maio unha caída das súas vendas de 1,1%, en relación ao mesmo mes de 2023, segundo datos publicados esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE), recollidos por Europa Press.
Esta cifra dista da contabilizada a nivel estatal, xa que no total do Estado as vendas deste tipo de comercios aumentaron 0,4% no quinto mes do ano.
No que vai de exercicio, as tendas retallistas galegas incrementaron os seus ingresos 1%, mentres que a nivel estatal o crecemento foi de 1,7%.
En canto ao emprego, na Galiza creceu 0,3% en maio e 0,1% no acumulado deste 2024.
A nivel estatal, o comercio retallista rexistrou en maio un aumento das súas vendas do 0,4% en relación ao mesmo mes de 2023, taxa 2,4 puntos inferior á do mes anterior, sempre segundo cifras do INE.
Co avance de maio, a facturación do comercio retallista encadea dous meses consecutivos de taxas interanuais positivas despois de que en abril aumentase 2,8%.
Eliminando os efectos estacionais e de calendario, a facturación do comercio retallista aumentou 0,2% no quinto mes do ano, taxa unha décima inferior á de abril e o seu menor alza desde novembro de 2022.
En taxa mensual (maio sobre abril) e eliminado o efecto estacional e de calendario, as vendas do comercio retallista baixaron un 0,6%, fronte ao incremento do 0,8% de abril.
En canto o emprego, o comercio retallista elevou a súa ocupación 1,7% en maio en relación ao mesmo mes de 2023, taxa unha décima inferior á de abril. A pesar diso, o emprego no comercio retallista encadea xa 37 meses de incrementos interanuais consecutivos.