Compostela aposta polo comercio de proximidade como "valor fundamental" para fixar poboación

"Non somos persoas de ficar conformes", afirmou a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, no primeiro aniversario do Goberno de coalición que BNG e Compostela Aberta asumiron o 17 de xuño de 2023. "Un Goberno transformador", dixo, que fía o futuro da cidade e da súa veciñanza a mellores políticas de vivenda e mobilidade.
Xan Duro, Pilar Lueiro, Iago Lestegás, María Rozas, Goretti Sanmartín, Míriam Louzao, César vila e Xesús Domínguez . (Foto: Arxina).
photo_camera Xan Duro, Pilar Lueiro, Iago Lestegás, María Rozas, Goretti Sanmartín, Míriam Louzao, César vila e Xesús Domínguez . (Foto: Arxina).

Hai xusto un ano que, por primeira vez, unha muller, "feminista e nacionalista", asumiu a Alcaldía de Santiago de Compostela. Foi "un momento extraordinario que propiciou a esperanza de traballar por un futuro mellor", rememorou Goretti Sanmartín.

A alcaldesa de Compostela compareceu esta segunda feira nun almorzo informativo para facer balance do seu primeiro ano de mandato. Estivo acompañada polos  sete concelleiros e concelleiras que, canda a ela, conforman o grupo de Goberno, "un equipo extraordinario" ao que agradeceu a súa "acción política e capacidade de traballo para a transformación de Compostela".

Após recoñecer, tamén, o labor "impagábel" do persoal eventual que ao longo do último ano contribuíu ao desenvolvemento á política municipal, Sanmartín fixo memoria dos logros conseguidos e avanzou algúns dos retos do Goberno compostelán de cara os próximos tres anos, porque "non somos persoas de ficar conformes", dixo.

Comercio de proximidade

As políticas de vivenda, turismo e mobilidade guiaron no último ano a folla de ruta do Goberno de coalición. No futuro, seguirán a marcar a transformación social da cidade, sinalou a rexedora, quen avanzou a protección do comercio de proximidade como elemento vertebrador dunha cidade deseñada e pensada para vivir.

Neste sentido, detallou, a Xunta de Goberno local aprobou esta segunda feira unha modificación do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica para fomentar o comercio local e fixar poboación.

Con este fin, o Executivo compostelán acordou suspender durante un ano as licenzas e comunicacións previas de actividade relacionadas co turismo e a hostalaría, tempo que aproveitará para estudar cales son "os usos, as zonas e as actividades comerciais a preservar". O obxectivo, remarcou, facer o centro histórico máis habitábel e fixar poboación con acceso a servizos de proximidade.

Esta medida, destacou Goretti Sanmartín vén contribuír ao empeño do seu Goberno "polo uso residencial do solo e por crear vivenda". É unha das prioridades compartidas tanto por BNG como por Compostela Aberta, que teñen sobre a mesa impulsar unha empresa municipal de vivenda, un rexistro de soares e "mesmo a dación de parcelas á propia Xunta da Galiza para que poida facer vivenda protexida e sexa unha realidade".

Turismo

A rexedora compostelá defendeu, ademais, "un cambio nas prioridades de mobilidade", para reforzar os desprazamentos a pé, en bici ou en transporte colectivo, e "un cambio de modelo turístico" dirixido a conseguir un turismo de calidade que garanta o descanso da veciñanza e teña en conta os actuais fluxos para unha mellor xestión da afluencia de visitantes á cidade. Con todo, Sanmartín, fixo fincapé na aposta do seu Goberno pola taxa turística, cuxa oportunidade volverá xustificar ante a Xunta.

A alcaldesa confía en que o presidente Alfonso Rueda marque nas próximas semanas unha reunión para volver sobre o asunto e achegarlle os últimos informes requiridos para regular este imposto, mais de non ser así, dixo, farán por llos entregar sen máis demoras. E avisou: "Comprometerse con Compostela significa dicir si á taxa turística".

Mandato do social

María Rozas, primeira tenente de alcaldesa, amosouse "orgullosa" e esixente. "Queda moito por facer", afirmou, tras recoñecer avances nos acordos de goberno asinados no inicio do mandato. Dixo estar orgullosa de ser parte dun Goberno que aposta polo comercio local, o dereito á vivenda e o control das vivendas de uso turístico. Un goberno "accesíbel e que escoita". Neste sentido reivindicou a reactivación dos consellos municipais e dos orzamentos participativos , así como un "mandato do social". "En 2027 Compostela ten que ser unha cidade moito máis xusta, con máis e mellores prestación públicas".

Após un ano de goberno, o Executivo compostelán chama a avanzar nas liñas estratéxicas da súa acción política e fixa algúns retos a longo e curto prazo, entre os que sinala a diversificación económica do municipio, o desenvolvemento do solo industrial, o acondicionamento dos equipamentos deportivos, o impulso de políticas ambientas e a consecución, para Santiago, "do nodo loxístico de mercadorías, un polo fundamental para o noroeste peninsular", precisou a alcaldesa.

Comentarios