Turismo

Así é a ordenanza complementaria sobre as VUT que o Goberno compostelán levará ao pleno

O documento inclúe dous usos: o aluguer turístico da vivenda por tempo limitado, cun máximo de 60 días ao ano e sempre que sexa tamén o lugar de residencia habitual dunha persoa física, e o aluguer turístico de determinados cuartos ou estancias na propia vivenda habitual.
A alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, e o edil de Urbanismo, Iago Lestegás, esta terza feira, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, e o edil de Urbanismo, Iago Lestegás, esta terza feira, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, acompañada polo concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, fixo público en rolda de prensa esta terza feira o contido da ordenanza complementaria sobre usos turísticos que o Goberno municipal levará ao pleno nas vindeiras semanas para a súa aprobación.

Esta ordenanza inclúe dous usos: o aluguer turístico da vivenda por tempo limitado, cun máximo de 60 días ao ano e sempre que sexa tamén o lugar de residencia habitual dunha persoa física —entendido como lugar no que reside a persoa durante un período superior a 183 días ao ano—, e tamén o aluguer turístico de determinados cuartos ou estancias na propia vivenda habitual. Neste último caso, aínda que se recolle na ordenanza municipal, tería que ser permitido expresamente na normativa de turismo da Galiza —actualmente está prohibido, conforme ao Decreto 12/2017—.

A ordenanza detalla a documentación que deberá achegarse coa comunicación previa, entre a que se inclúe unha memoria técnica e unha certificación de que os usos turísticos da vivenda son compatíbeis cos estatutos da comunidade veciñal.

Goretti Sanmartín explicou que este texto só regula o procedemento de comunicación de usos asimilados ao de vivenda e que en ningún caso entra a regular ou regularizar usos preexistentes aos estabelecidos na planificación vixente. Neste senso, aclarou que os informes xurídicos conclúen que nesta altura non é posíbel legalizar actividades preexistentes á modificación do PXOM que non fosen expresamente tratados nunha disposición da propia norma naquel momento.

Impulso ao parque residencial

"Dispor dun parque de vivenda digna e adecuada é unha prioridade para este Goberno", subliñou a alcaldesa, engadindo que con este obxectivo está a traballarse en diferentes frontes, como a creación dunha empresa pública para promover "vivenda pública en aluguer", a activación do rexistro de solares e a mobilización de vivenda baleira.

Sobre esta cuestión, tamén mencionou os datos relativos ao incremento do prezo medio do aluguer en Compostela, que, segundo o Observatorio da Vivenda da Galiza e no período 2018 – 2023, aumentou até 33,1%, pasando de 424,2 a 564,5 euros, chegando a duplicar o incremento do IPC no país nese mesmo período. Goretti Sanmartín matizou que as vivendas de uso turístico "non son a única causa da escaseza de vivendas dispoñíbeis para uso residencial nin da suba de prezos", mais precisou que "é certo que intensifican o problema".

Unha idea na que incidiu Iago Lestegás, afirmando que "o mercado turístico contrae o mercado residencial", e puxo o foco tamén na importancia das medidas que está a adoptar o Executivo local "para favorecer un uso máis eficiente do parque residencial que xa existe".

Sobre o aluguer turístico das vivendas, o edil de Urbanismo lembrou que "este uso non ten a consideración urbanística de uso residencial" e que se trata "dunha actividade económica e, polo tanto, como uso terciario está sometido ao réxime de comunicación previa á Administración municipal".

Comentarios