Rueda, contra as taxas turísticas: "Non nos peguemos tiros no pé"

O presidente da Xunta volve posicionarse en contra de gravar o turismo e alerta dos "discursos de turismofobia" que percibe na Galiza.
Almorzo informativo organizado polo Grupo Hotusa con Alfonso Rueda e Adrián Barbón. (Foto: Europa Press)
photo_camera Almorzo informativo organizado polo Grupo Hotusa con Alfonso Rueda e Adrián Barbón. (Foto: Europa Press)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, alertou esta sexta feira do "perigo" que, ao seu xuízo, pode supor a implantación das taxas turísticas propostas desde algúns concellos galegos porque a medida pode lanzar, dixo, "unha mensaxe dun problema de masificación". Pola súa parte, o presidente de Asturias, o socialista Adrián Barbón, avogou por controlar os pisos turísticos.

Así se pronunciaron ambos os dirixentes no almorzo organizado esta mañá polo Grupo Hotusa baixo a denominación 'O turismo para o desenvolvemento dos territorios', no que os dous mandatarios coincidiron en erixir os seus destinos como lugares afastados da masificación. En calquera caso, Rueda cargou contra os discursos de "turismofobia" que, afirmou, están a empezar a xurdir dentro da Galiza: "Non nos peguemos tiros no pé", advertiu.

Neste senso, pronunciouse sobre as taxas turísticas que propoñen concellos como o de Santiago de Compostela, lembrando que é o Goberno galego o que ten que aprobar a taxa por lei. "Coidado con isto, non creo que sexa unha boa solución", proclamou Rueda, que cre que isto "castiga" o turismo que pasa a noite na cidade.

E, a pesar de que se mostrou comprensivo con que hai momentos nos que as e os turistas poden causar molestias á xente que vive alí, reiterou as súas dúbidas ante as taxas turísticas porque "lanzan unha mensaxe fóra de que hai un problema de masificación".

Na súa quenda, o socialista Adrián Barbón non falou das taxas turísticas, aínda que si que alertou do problema de que poida empezar a calar a mensaxe na cidadanía de que o turismo pode expulsala dos seus lugares e formas de vida. Iso si, precisou que, baixo o seu punto de vista, Asturias e Galiza non están actualmente nos niveis de masificación que si que teñen outros territorios do Estado, apostando por un "turismo ordenado".

En calquera caso, Barbón puxo en valor que o seu Goberno xa está a realizar accións para regular as vivendas de usos turísticos, dando máis poder ás comunidades de veciños para que outorguen unha autorización expresa a estes pisos.

Formación Profesional

Da mesma maneira, os dous presidentes autonómicos tamén falaron da falta de profesionais no sector hostaleiro e turístico, onde ambos coincidiron en potenciar a Formación Profesional, entre outras cuestións.

Ante este problema, Rueda cre que hai unha responsabilidade compartida das administracións e os hostaleiros en canto á contratación ou as melloras das condicións laborais. E Barbón, dixo que non compra "o discurso" de que os mozos son vagos, apostando por pór en valor o sector formativo e educativo para reforzar a Formación Profesional.

Comentarios