Teremos menos viño da DO Rías Baixas este ano?

Viñedos afectados por mildio no Condado, dentro da Denominación de Orixe (DO) Rías Baixas (Foto: Nós Diario).

Adegas e entidades vitivinícolas alertan dos problemas de produción de uva na Denominación de Orixe Rías Baixas está. A climatoloxía provocou que se estenderan fungos de difícil e custoso tratamento. Temen as dificultades que terán despois da colleita ao baixar a produción.

As condicións climatolóxicas desta pasada tempada vitivinícola favoreceron que aumentara a presenza do mildiu nos viñedos adscritos á Denominación de Orixe (DO) Rías Baixas. Por este motivo, estímase que a produción de uva con respecto á colleita do ano anterior sufrirá unha baixada de entre 25% e 30%. Desde o  o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) dan a voz de alarma ante esta situación que chega polo menor nacemento de uva a causa das precipitacións e o consecuente corremento nos acios.

O responsábel do sector do viño desta organización, Xosé Manuel Parente, sinala a Nós Diario que as comarcas máis afectadas por esta enfermidade “foron as do Salnés, Condado e Baixo Miño”, que xa notaron esta doenza que se manifesta coa aparición de manchas nos órganos afectados “xa desde principios do mes de xuño”. 

Os prezos da DO

Rías Baixas tivo o ano pasado a colleita máis abundante da súa historia, con 44.358.546 quilos de uva. Se se cumpren os cálculos do SLG poderían chegar a perderse até 13 millóns de quilos. 

Desde a Asociación Galega de Viticultura (AGV-Fruga), o seu presidente, Roberto Rivas, confirma esta situación e asegura a Nós Diario que “non está claro se se vai poder solucionar coas novas parcelas que entran en produción para sexa a mesma para o ano”.

“Rías Baixas é unha DO que está vendendo moi ben e confiamos que teñan en conta o que está acontecendo nos prezos que pagan ás explotacións”, indica Parente. Esta petición vai dirixida ás adegas xa que deixaron de existir os contratos homologados e agora son acordos privados. “Teñen que ter en conta que as explotacións afrontaron máis gastos para conservar a colleita, mesmo en man de obra, á vez que se incrementaron os prezos das aplicacións fitosanitarias e da maquinaria”, explica este sindicalista.

En relación aos prezos o ano pasado estaban ao redor dos 2,80 euros/kg. Con todo “os prezos nunca se saben até que chega a vendima”, lembra o presidente da AGV, “en todo caso as adegas pequenas manteñen normalmente os prezos por ter sempre os mesmo viticultores”, agrega. Porén, algunhas viticultoras e viticultores consultadas por Nós Diario admitiron que algunhas adegas xa lles transmitiron que a intención era baixalos en relación ao que se pagou a campaña pasada.

A loita contra o mildiu

Entre as explotacións vitivinícolas afectadas polo mildiu está a de Cristina Carrera, enxeñeira agrícola que ten sete hectáreas de viñedos en diferentes zonas na comarca do Condado. "Pasámolo moi mal coas temperaturas e a humidade", asegura a Nós Diario. Alén de contar con menos uva para vender nesta campaña, ve como medraron este ano os custos de produción durante toda a campaña vitivinícola.

“Por outra banda a floración este ano foi moi mala. Había moita humidade e as temperaturas moi baixas e iso fixo que os acios fosen máis pequenos e pesen menos. Xunto a iso, tivemos que rozar continuamente as parcelas porque hai moita vexetación e ao mesmo tempo facer labores frecuentes de despunte, problemas para todo. Logo tamén tivemos que contratar xente para sacar folla, e así conseguir airear os acios para que entraran ben os tratamentos e conseguir que frearan os ataques de mildiu que houbo”, insiste.

En relación á venda de uva nesta DO, Carrera admite que, malia estas circunstancias adversas, teñen ao seu favor "a gran calidade do produto que temos, algo que valoran as adegas, e que non hai grandes cantidades por hectáreas, nunca nos pasamos de rendemento".