A Xunta anuncia para 2025 o maior teito de gasto da historia da autonomía

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, no Parlamento. (Foto: Arxina)
BNG e PSdeG denuncian ano tras ano a falta de execución nas contas.

O Goberno galego prevé aprobar a finais de xullo o teito de gasto dos orzamentos da Xunta da Galiza para 2025, un teito de gasto de récord e que será o máis alto da historia da autonomía galega. 

Así o anunciou esta terza feira nunha comparecencia o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos. Corgos prevé ter esta semana fechada a cifra de teito de gasto non financeiro para 2025, que irá á alza e superará, así pois, os 13.257 millóns de euros dos presupostos deste ano 2024.

Asegurou o titular do departamento financeiro do Executivo galego que quere "presentar a final deste mes" o dato concreto, polo que terá o visto e prace nun dos próximos Consellos da Xunta —aínda por concretar— antes da súa aprobación definitiva no pleno do Parlamento galego.

O conselleiro explicou que esa cifra de teito de gasto fecharase con base en estimacións das entregas a conta para 2025 se non hai comunicación antes por parte do Goberno estatal desta cifra, tal e como xa ocorreu o ano pasado. Resalta que, tendo en conta que o Estado anunciou o seu teito de gasto, xa pode enviar os datos de entregas a conta —son un global de 147.412 millóns para as autonomías en 2025—.

Os orzamentos galegos de 2024 foron de 13.257 millóns de euros, 5% máis e os maiores da historia autonómica até o de agora, de forma que se esgotou o teito de gasto fixado. Agora, o conselleiro ratifica que os de 2025 serán "aínda máis". Precisamente, esta terza feirao Goberno español informou de que eleva o teito de gasto á marca de 199.171 millóns en 2025.

Sen concreción

Corgos non quixo dar unha cifra de canto aumentará o teito de gasto —prevé manter unha reunión estes días co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para tratar esta cuestión—, mais si que expuxo que os recursos do sistema de financiamento crecerán entre 2% e 3% para o exercicio de 2025.

Afirmou o conselleiro que o ano pasado Facenda non comunicou até decembro as entregas a conta á Galiza, unha cantidade que non terminará de pagar totalmente até setembro deste ano, "o que xera un prexuízo e un 'descadramento' para a Galiza de dous millóns ao día". 

Sen executar

O teito de gasto, cuxo anuncio marca o inicio do proceso de elaboración, debate e aprobación dos orzamentos, non implica o seu cumprimento, como a oposición denuncia todos estes anos. O pasado mes de maio, Noa Presas, portavoz de Economía do BNG na Cámara galega, afirmou que ficaron sen gastar 1.051 millóns de euros dos orzamentos da Xunta para 2023, algo que, segundo asegurou, responde a unha “mala planificación ou a unha intencionalidade política, ou ás dúas cousas á vez, do Goberno do PP”.

Meses antes, o daquela portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, cifraba en 1.468 millóns de euros os correspondentes ás contas de 2022 que non se executaran.

Mais estas denuncias non parten só da oposición. Os datos fornecidos polo Ministerio de Facenda e da Función Pública do Goberno do Estado para 2021 apuntaron a que a Xunta deixou sen executar 1.617 millóns de euros do orzamento de 2021.