A Xunta recalca que só os seus informes sobre Altri son vinculantes: "O resto son opinións"

A conselleira María Jesús Lourenzá, esta sexta feira. (Foto: Xunta da Galiza)
Afirmouno a conselleira de Economía, María Jesús Lourenzá.

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, recalcou esta sexta feira que só os informes elaborados polos técnicos da Xunta da Galiza "contan xuridicamente". "O resto son opinións máis ou menos oficiais ou oficiosas", sinalou. Unha manifestación que chega apenas 24 horas despois de se coñecer o contundente informe do Consello da Cultura Galega sobre este proxecto e que xerou un enorme malestar no PP, que nopn dubidou en cargar non xa contra o estudo, senón mesmo contra a institución do CCG. 

"Creo que na Xunta sempre fomos moi claros en relación a que os informes que contan para, xuridicamente, saber se Altri ten un proxecto medioambientalmente viábel son os informes que se solicitan en sede da Declaración de Impacto Ambiental", explicou a conselleira ante os medios após reunirse co comité de empresa de Alcoa.

"Todo o demais son opinións, máis ou menos oficiais ou oficiosas, pero que non forman parte da Declaración de Impacto Ambiental. Creo que a prudencia esixe esperar a que os técnicos da Xunta, que son os competentes e os que coñecen perfectamente cada un dos ámbitos, dean ese informe", sinalou,

Tamén aproveitou para dirixirse ao Goberno estatal, ao que reclamou que deixe de "castigar" os proxectos industriais galegos e que conteste "directamente" á Xunta.

"Que paren de enviar e de esconderse detrás de mensaxeiros, como pode ser o delegado do Goberno que, coa súa mellor intención, contestou esta quinta feira unha serie de cousas absolutamente inexactas, cun descoñecemento manifesto e absoluto dun expediente en concreto porque non o ten que coñecer, porque non ten competencias industriais de ningún tipo", criticou.