Mensaxe de Fin de Ano de Feijóo sen citar NGB, floteis, paro, emigración...

O discurso de Fin de Ano do presidente da Xunta pasou por riba das cuestións máis espiñentas de 2013 para Galiza. Nin NGB, nin floteis, nin paro, nin emigración tiveron sitio nun discurso no que Feijóo se parabenizou de que “as cousas se están a facer ben” e de que as multinacionais veñan comprar empresas galegas. Dixo que a recuperación económica estaba aí e non esqueceu alabar a España (“patria común”) e criticar o proceso soberanista catalán.

O Centro de Transfusións de Galiza foi o escenario elexido nesta ocasión por Feijóo para a súa mensaxe de Fin de Ano. Escenario co que quixo simbolizar, dixo, a resposta solidaria de milleiros de galeg@s que na noite do 24 de xullo se dirixiron a este servizo para doar sangue para as vítimas da traxedia ferroviaria de Angrois. Unha catástrofe que os votos de PP e PSOE impidiron que se investigue a fondo no Parlamento.

Deu o discurso desde o Centro de Transfución para alabar o comportamento d@s galeg@s fronte a traxedia de Angrois. A mesma catástrofe cuxa investigación parlamentar vetou o PP

O presidente da Xunta non tratou nin un só dos grandes temas que marcaron Galiza neste 2013: nin a venda de NGB, nin os floteis de Pemex, nin o paro galopante ou o drama da emigración. Quizás porque se estaba a dirixir a outro país, tamén chamado Galiza, mais no que esas cousas non pasaron.

A familia

A familia. O presidente galego volveu, máis unha vez, usar a metáfora da familia nun discurso. Galiza como “unha familia grande que camiña xunta” e que afronta a “situación difícil que exixe sacrificios”. Feijóo aproveitou para defender recortes e tesoirazos cando afirmou que “o modelo de vida non pode preservarse se non axustamos”, e engadindo que son “decisións difíciles” mais que “como os pais ou as nais” hai que adoptar.

Defendeu os recortes e tesoiradas a servizos públicos e a dereitos dicindo que "coma calquer pai ou nai" debe adoptar medidas así en situacións difíciles

E afirmou que estamos “en vésperas de 2014, un ano no que Galiza pode ollar a recuperación coa confianza que dá o deber cumprido”. Puxo o noso país como exemplo de “estabilidade social e política”, algo que “contrasta con outras autonomías” que van pola “división e incertidume”, en referenza a Catalunya.

España, España, España

“España é a patria común e solidaria” d@s galeg@s. Outra idea que deitou o presidente na súa mensaxe. A única referencia a unha identidade foi á española, máis alá do sobado tópico dos galegos traballadores e constantes que lá onde van son queridos polos seu esforzo. Todo un presidente da Xunta a botar man de tópicos sobre o seu propio pobo.

Puxo a Galiza como exemplo de estabilidade social e política "que contrasta con outras autonomías, que dividen", en refrenza a Catalunya 

“Galiza é responsábel e fiábel”, concluíu o mandatario autonómico. Por iso, sinalou importantes “multinacionais” desembarcan en Galiza “para iniciar unha andaina con nós”. Toda unha metáfora para se referir á perda de empresas como Barreras, NGB, Pescanova...

Foi un discurso dun presidente para un país que non existe fóra da propaganda. Por moito que se chame como o que habitamos @s galeg@s.