O Centro de Transfusións de Galiza foi o escenario elexido nesta ocasión por Feijóo para a súa mensaxe de Fin de Ano. Escenario co que quixo simbolizar, dixo, a resposta solidaria de milleiros de galeg@s que na noite do 24 de xullo se dirixiron a este servizo para doar sangue para as vítimas da traxedia ferroviaria de Angrois. Unha catástrofe que os votos de PP e PSOE impidiron que se investigue a fondo no Parlamento.
Deu o discurso desde o Centro de Transfución para alabar o comportamento d@s galeg@s fronte a traxedia de Angrois. A mesma catástrofe cuxa investigación parlamentar vetou o PP
O presidente da Xunta non tratou nin un só dos grandes temas que marcaron Galiza neste 2013: nin a venda de NGB, nin os floteis de Pemex, nin o paro galopante ou o drama da emigración. Quizás porque se estaba a dirixir a outro país, tamén chamado Galiza, mais no que esas cousas non pasaron.
A familia
A familia. O presidente galego volveu, máis unha vez, usar a metáfora da familia nun discurso. Galiza como “unha familia grande que camiña xunta” e que afronta a “situación difícil que exixe sacrificios”. Feijóo aproveitou para defender recortes e tesoirazos cando afirmou que “o modelo de vida non pode preservarse se non axustamos”, e engadindo que son “decisións difíciles” mais que “como os pais ou as nais” hai que adoptar.
Defendeu os recortes e tesoiradas a servizos públicos e a dereitos dicindo que "coma calquer pai ou nai" debe adoptar medidas así en situacións difíciles
E afirmou que estamos “en vésperas de 2014, un ano no que Galiza pode ollar a recuperación coa confianza que dá o deber cumprido”. Puxo o noso país como exemplo de “estabilidade social e política”, algo que “contrasta con outras autonomías” que van pola “división e incertidume”, en referenza a Catalunya.
España, España, España
“España é a patria común e solidaria” d@s galeg@s. Outra idea que deitou o presidente na súa mensaxe. A única referencia a unha identidade foi á española, máis alá do sobado tópico dos galegos traballadores e constantes que lá onde van son queridos polos seu esforzo. Todo un presidente da Xunta a botar man de tópicos sobre o seu propio pobo.
Puxo a Galiza como exemplo de estabilidade social e política "que contrasta con outras autonomías, que dividen", en refrenza a Catalunya
“Galiza é responsábel e fiábel”, concluíu o mandatario autonómico. Por iso, sinalou importantes “multinacionais” desembarcan en Galiza “para iniciar unha andaina con nós”. Toda unha metáfora para se referir á perda de empresas como Barreras, NGB, Pescanova...
Foi un discurso dun presidente para un país que non existe fóra da propaganda. Por moito que se chame como o que habitamos @s galeg@s.