O Novo Cinema Galego a Fondo

A Fondo 59

Lois Patiño estrea en Locarno a súa primeira longametraxe, “Montaña en sombra”. É un dos nomes do que se deu en chamar Novo Cinema Galego e que agrupa a unha serie de cineastas que están a revolucionar a produción audiovisual galega. Aos nomes de Oliver Laxe, Xurxo Chirro ou Eloy Enciso súmanse outros moitos que constitúen a xeración máis numerosa e prometedora da historia do cinema galego. 

Roger Koza, programador do Ficanam, Filipe Lage, produtor de Zaitan Films, Beli Martínez, produtora e profesora de Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo e a directora e montadora Diana Toucedo achégannos á dimensión e aos retos do Novo Cinema Galego no A Fondo publicado no Sermos Galiza n. 59 e coordinado polo xornalista Víctor Paz. O número inclúe unha ampla entrevista con Lois Patiño. 

“Formar en cinema, apostar por el, é facer pais. Que Galiza estea preparada para vehicular todo o talento que está a vir” defende o coordinador do  número que cita, alén dos xa nomeados, a autores como Pela del Álamo, Xacio Baño, Jaione Camborda, Pablo Cayuela, Eloy Domínguez, Diana Gonçalves, Alberto Gracia, Ramiro Ledo, Marcos Nine, Alberte Pagán, Otto Roca, María Ruído, Ángel Santos, Víctor Hugo Seoane, Diana Toucedo, Peque Varela ou Xan Gómez Viñas como esa xeración de creadores e creadoras que están a construír un tempo novo para o cinema galego.