Roger Koza, programador do Ficanam, Filipe Lage, produtor de Zaitan Films, Beli Martínez, produtora e profesora de Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo e a directora e montadora Diana Toucedo achégannos á dimensión e aos retos do Novo Cinema Galego no A Fondo publicado no Sermos Galiza n. 59 e coordinado polo xornalista Víctor Paz. O número inclúe unha ampla entrevista con Lois Patiño.
“Formar en cinema, apostar por el, é facer pais. Que Galiza estea preparada para vehicular todo o talento que está a vir” defende o coordinador do número que cita, alén dos xa nomeados, a autores como Pela del Álamo, Xacio Baño, Jaione Camborda, Pablo Cayuela, Eloy Domínguez, Diana Gonçalves, Alberto Gracia, Ramiro Ledo, Marcos Nine, Alberte Pagán, Otto Roca, María Ruído, Ángel Santos, Víctor Hugo Seoane, Diana Toucedo, Peque Varela ou Xan Gómez Viñas como esa xeración de creadores e creadoras que están a construír un tempo novo para o cinema galego.