O nº7 do Sermos, coa forza do Nunca Máis!

Ás portas do Día da Patria, Galiza ferve contra os recortes

O número 7 de Sermos Galiza entrou en máquinas levando na portada unha xornada de mobilizacións histórica. Desde todas as cidades e vilas en que os sindicatos convocaron mobilizacións chegaban as notas de datos históricos, que equiparaban a tensión da protesta popular coa grande revolución na rúa que foi o Nunca Máis.

Así chegamos ao noso primeiro Día da Patria Galega, unha xornada histórica á que lle quixemos dedicar un especial en que se percorre a historia do emblemático día para o nacionalismo, desde as iniciais celebracións das Irmandades ata a primeira mobilización convocada pola UPG en 1968 ou a memorábel entrada na Quintana, o espazo que evocaba o Mítin das Arengas con Castelao e Bóveda. Quen viviu en primera persoa todo este tempo foi Bautista Álvarez, que lle puxo nome e elaborou as voandeiras da primeira convocatoria. Con el falamos así como con Saleta Goi, outra das persoas que cada ano vive con enerxía o seu 25 de xullo.

Francisco Jorquera, candidato polo BNG á Xunta, e Laura Mintegui, proposta para lehendakari por Bildu falan con Sermos Galiza e contribúen a analisar as iniciativas nacionalistas neste tempo de crise económica e da soberanía. O tema de entrada achegaranos a unha reivindicación para o día: a República Galega. O líder sindicalista agrario, Emílio González, Milucho, publica un libro cos seus artigos e nós facémonos eco del na nosa contraportada. Cando sentimos aínda no ar a emoción do Día da Memoria na Illa de San Simón, achegámonos ás mulleres que padeceron a represión e loitaron pola liberdade e que agora sofren o silencio.