O persoal do Concello de Santiago considera que a situación é insostíbel

raxoi

Con dez dos trece membros do goberno de Santiago de Compostela pendentes do xulgado, todos con unha ou varias imputacións e sete xa chamados para xuízo oral, a situación crítica dos distintos departamentos faise insostíbel para a maioría do persoal que padece a paralización do goberno municipal. 

A situación xudicial do goberno de Ángel Currás non esta a afectar só aos concelleiros e concelleiras implicados en asuntos xudiciais. O persoal do Concello padece día a día a extraordinaria crise que atravesa o consistorio e que afecta directamente ao funcionamento diario dos distintos departamentos do Concello. 

“A incompetencia, a torpeza, a maneira de cargarse os procedementos... fai que traballar sexa moi difícil porque antes o persoal traballaba en positivo mais agora é imposíbel, vai todo moito máis lento e iso afecta tamén á cidadanía”, sinala un representante sindical do Concello.

Mover un papel en Compostela leva agora moito máis tempo que antes. “Ninguén quere dar un paso sen medir até as últimas consecuencias. Non hai funcionari@ que faga unha xestión sen demorar todo o que faga falta porque se saben permanentemente baixo vixiancia, ademais, o PP entrou como elefantes nunha cacharrería cun plan de axustes que eran recortes laborais e metendo a súa xente en postos que antes cubrían funcionari@s”, sinala, dunha xestión de persoal que está a ter tamén consecuencias no funcionamento diario do Concello. 

“A incompetencia, a torpeza, a maneira de cargarse os procedementos... fai que traballar sexa moi difícil porque antes o persoal traballaba en positivo mais agora é imposíbel"

Imposible traballar no día a día 

“O Concello está paralizado. Toda a súa política de afastar o que había antes, traballadores cualificad@s para traer aos seus e poñelos de xefes tivo tamén consecuencias no ánimo da xente. Na maior parte descoñecían o funcionamento municipal e os traballadores e traballadoras viron como levan os salarios máis grandes con grande incompetencia”, explica o responsábel sindical. 

En 3 anos no Concello de Santiago suprimíronse 50 prazas do cadro de persoal e baixáronse os salarios mentres seguían entrando traballadores pola porta de atrás.  

“Saen sentenzas de fraude de lei na contratación por haber cesión ilegal de traballadores é non só se volven empregad@s do Concello senón que cobran indemnización pola diferencia entre o que paga a empresa con respecto ao que terían que cobrar se estiveran no Concello durante todos os anos traballados”, explica, lamentando que, pola contra, a taxa de reposición do concello sexa cero cando a contratación a través dunha empresa supón aboar un 21% de IVE e un 40% en total. “O único que se contrata é o persoal porque o resto son do concello mais con esta política o que se fai é precarizar o traballo e favorecer ás empresas, ademais de abrir unha vía para meter máis persoas da súa corda”, sinala. 

"Toda a súa política de afastar o que había antes, traballadores cualificad@s para traer aos seus e poñelos de xefes tivo tamén consecuencias no ánimo da xente".

Persecución sindical 

Outro dos apartados no que o persoal do concello se viu implicado foi nos casos de persecución sindical e acoso laboral que foron denunciados ao longo da operación Pokemon e outras causas abertas. O caso do imputado concelleiro de Deportes, Adrián Varela, que leva agora a xuízo oral aos outros sete concelleir@s por querer pagarlle o avogado na súa causa, significou, para os representantes de traballadores e traballadoras “o máis claro caso de persecución sindical que se coñece e non entendemos como non se abriron dilixencias pola gravidade do asunto”. A acusación chegará á vía penal proximamente mais no Pazo de Raxoi provocou verdadeiro escándalo as conversas do concelleiro nos que reclamaba a Vendex “coste o que coste” que despedira unha traballadora da empresa por ser a compañeira dun representante sindical do Concello. “Coincidiu cando estabamos protestando contra o plan de axuste e querían presionar de calquera forma, mesmo botando a unha persoa por ser a compañeira dun sindicalista, recoñecendo que era moi boa traballadora”, afirma. 

"Co que se acredita no sumario é máis que esixíbel que esta xente marche e deixe de xestionar os cartos públicos".

O caso do funcionario Miguel Vilariño, afastado da área de Relacións Veciñais na que levaba tempo traballando, por denunciar a existencia de facturas falsas inclúese tamén no ronsel de agravios dos que non escapa o propio secretario da corporación, personado  a título persoal tamén na causa e alonxado mesmo fisicamente do centro do Pazo de Raxoi. Coa purga de Miguel Vilariño, o departamento de Relacións Veciñais quedou completamente defenestrado, sen desaparecer do organigrama mais sen ningún traballador adscrito. 

"O xulgado non é a solución"

“O xulgado non é a solución porque, coa mesma, cando remate a vía xudicial xa chegaron as eleccións municipais. Co que se acredita no sumario é máis que esixíbel que esta xente marche e deixe de xestionar os cartos públicos. Que efectos ten a inhabilitación se chega cando xa están fóra do goberno? Incluso se se demostra que chegaron por medios ilícitos, por financiamento ilegal, pouca relevancia ten despois de teren xestionados os cartos públicos”, sinala o representante sindical que prefire non dar o seu nome. “Así non se pode traballar un momento máis”, remata.