Apertura de xuízo oral a 7 edís do goberno de Compostela imputad@s por prevaricación

Candidatura do PP en Compostela. Foto: PP

A Fiscalía pide 9 anos de inhabilitación para os edís, acusados de pagar con diñeiro público a defensa dun compañeiro do Partido Popular imputado na trama da Pokemon. O goberno do PP na capital de Galiza, presidido por Currás, contra a parede, mentres Feijóo garda silencio.

José Luis García Bello, María Pardo Valdés, María Castelao, Francisco Javier Noya, Cecilia Sierra, María Amelia González Brandariz e Juan de la Fuente. Son os nomes dos sete concelleiros e concelleiras do grupo de goberno do Partido Popular no Concello de Santiago de Compostela aos que se abre xuízo oral por estaren imputados por prevaricación.

Desde o inicio do regueiro de imputacións en Compostela con Conde Roa, Feijóo optou por actuar como se non fose presidente do PP en Galiza.

O Xulgado de Instrución nº1 de Santiago de Compostela notificou esta segunda feira o auto de apertura de xuízo oral no procedemento que se instruiu en relación a un presunto delito de prevaricación que sería cometido por sete edís composteláns

Case o máximo

A xuíza, Ana López-Suevos, apreciou na instrución do caso indicios de criminalidade na conduta dos 7 concelleir@s. Así llo transmitiu á fiscalía, á quen a segunda feira 24 de febreiro lle deu traslado das dilixencias practicadas. A fiscalía tiña entón dúas opcións: ou solicitar a apertura de xuízo oral ou pedir o arquivo da causa. Optou pola primeira -dando, xa que logo, a razón á maxistrada-, o que leva agora á xuíza a ordenar o inicio do xulgamento.

Aliás, a Fiscalía presentou escrito de acusación por un delito de prevaricación do artigo 404 do Código Penal (entre 7 e dez anos), solicitando para cada un dos acusados a pena de inhabilitación especial para o exercicio de emprego ou cargo público por prazo de 9 anos. Ou sexa, case o máximo legal.

Están acusados de prevaricación por dar luz verde a pagar con fondos públicos o avogado do concelleiro de Deportes, imputado na trama da Pokemon

A fiscala entende que a xunta de goberno non se ativo á legalidade, pois aprobou pagar a defensa de Adrián Varela (concelleiro de Deportes no grupo de goberno e acusado de corrupción), malia que un informe do secretario sinalaba que esa actuación só procedía en dous supostos: se a imputación foi derivada dun acto propio do seu cargo ou ben se a causa foi arquivada ou el absolto. 

A xunta do goberno local adoptou a decisión o 30 de maio de 2013 e optou por ocultala á opinión pública. O que non impediu que un mes máis tarde a información saíse á luz. 

O executivo local, sen plan B

María pardo, unha das imputadas, recoñecía este luns a preguntas de xornalistas que o goberno local non tiña plan B para o caso de que fosen declarados culpábeis. "Non, para nada", contestou a esa cuestión, segundo informa La Voz de Galicia.