Teresa Moure deixa a presidencia de Sermos Galiza
Teresa Moure, implicada no proxecto Sermos Galiza de maneira especialmente activa desde xuño de 2011, deixa de pertencer aos órganos directivos da entidade. Así o comunicou en carta enviada aos membros do consello de administración e a traballador@s da empresa. Faino despois de ter participado activamente en reunións e na toma de decisións en todo o proceso de posta en marcha do proxecto e de exercer tarefas de responsabilidade unha vez constituída a empresa, desenvolvendo un labor inxente e difícil de compatibilizar coas ocupacións do ámbito profesional, ostentando sempre a presidencia con responsabilidade e elevadas doses de dedicación e esforzo, máxime ao se tratar dun cargo non profesionalizado.
Sermos Galiza toma exemplo da responsabilidade absoluta e do empeño demostrado por Teresa Moure para contribuír a nos dotar de medios de comunicación propios e, conscientes dos sacrificios persoais que isto supón, valoramos os seus esforzos e os de todas cantas persoas, de maneira anónima ou con plena identidade, axudan a construír un futuro con voz propia para a Galiza.
Nos próximos días o Consello de Administración procederá a nomear a persoa que ocupe o posto deixado vacante por Teresa Moure. Sen dúbida, sexa quen for, asumirá o posto co mesmo grao de compromiso e responsabilidade. Porque en Sermos Galiza o que importa é o proxecto e o que máis valoramos, as persoas.