10 mulleres asasinadas no primeiro mes de 2014 pola violencia machista

[Imaxe: Rede feminista galega]

A media de mortes atribuídas a ETA no conflito vasco foi de 19 ao ano. Os dados do Consello Xeral do Poder Xudicial din que na Galiza hai máis denuncias; porén, tamén hai máis mulleres que a retiran.

 

  • Nuria R., 43 anos, Barcelona, calcinada o 5 de xaneiro pola súa ex-parella.
  • H.A., 27 anos, Almería, asasinada o 13 de xaneiro pola súa ex-parella.
  • Adela R., 76 anos, Cervo, asasinada a paus o 14 de xaneiro polo xenro.
  • María Xosé S., 44 anos, asasinada a paus o 14 de xaneiro pola súa parella.
  • Mari Ángeles S., 46 anos, acoitelada pola súa parella o 14 de xaneiro.
  • Patricia S., 28 anos, apuñalada polas costas pola parella o 15 de xaneiro.
  • G.H., 31 anos, apuñalada en Tenerife pola súa parella. 
  • Aránzazu R., 28 anos, violada e acoitelada. Acababa de coñecer o agresor.
  • o 29 de xaneiro unha muller foi degolada polo home.
  • o 31 de xaneiro outra muller foi asfixiada polo home.
     

Dez mulleres foron asasinadas no Estado español no primeiro mes de 2014, dúas delas na Galiza, pola violencia machista. Delas, Adela R., a quen matou a paus o home da súa filla en Cervo, non fará parte das estatísticas oficiais por non manter nen ter mantido unha relación sentimental co seu asasino. O mesmo acontece con Aránzazu R., acoitelada en Madrid despois de ser violada por un home a quen coñecera esa mesma noite. 

O Consello Xeral do Poder Xudicial, órgano do cal depende o Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, fixo público o seu informe cos dados correspondentes ao terceiro trimestre de 2013. No que respeita á Galiza, aumentaron as denuncias que interpuxeron as mulleres en situación de violencia machista, mais aumentaron tamén as retiradas.

Entre xullo e setembro de 2013, foron 1.379 as mulleres que denunciaron maus tratos e 93 decidiron retirala despois. A cifra supón un incremento de case o 11% a respeito de quen desistía de seguir adiante co procedemento penal no mesmo período de 2012. 

Só no primeiro mes de 2014 foron asasinadas 10 mulleres; a media de mortes atribuídas á organización ETA no conflito vasco foi de 19... en doce meses.