- Nuria R., 43 anos, Barcelona, calcinada o 5 de xaneiro pola súa ex-parella.
- H.A., 27 anos, Almería, asasinada o 13 de xaneiro pola súa ex-parella.
- Adela R., 76 anos, Cervo, asasinada a paus o 14 de xaneiro polo xenro.
- María Xosé S., 44 anos, asasinada a paus o 14 de xaneiro pola súa parella.
- Mari Ángeles S., 46 anos, acoitelada pola súa parella o 14 de xaneiro.
- Patricia S., 28 anos, apuñalada polas costas pola parella o 15 de xaneiro.
- G.H., 31 anos, apuñalada en Tenerife pola súa parella.
- Aránzazu R., 28 anos, violada e acoitelada. Acababa de coñecer o agresor.
- o 29 de xaneiro unha muller foi degolada polo home.
- o 31 de xaneiro outra muller foi asfixiada polo home.
Dez mulleres foron asasinadas no Estado español no primeiro mes de 2014, dúas delas na Galiza, pola violencia machista. Delas, Adela R., a quen matou a paus o home da súa filla en Cervo, non fará parte das estatísticas oficiais por non manter nen ter mantido unha relación sentimental co seu asasino. O mesmo acontece con Aránzazu R., acoitelada en Madrid despois de ser violada por un home a quen coñecera esa mesma noite.
O Consello Xeral do Poder Xudicial, órgano do cal depende o Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, fixo público o seu informe cos dados correspondentes ao terceiro trimestre de 2013. No que respeita á Galiza, aumentaron as denuncias que interpuxeron as mulleres en situación de violencia machista, mais aumentaron tamén as retiradas.
Entre xullo e setembro de 2013, foron 1.379 as mulleres que denunciaron maus tratos e 93 decidiron retirala despois. A cifra supón un incremento de case o 11% a respeito de quen desistía de seguir adiante co procedemento penal no mesmo período de 2012.
Só no primeiro mes de 2014 foron asasinadas 10 mulleres; a media de mortes atribuídas á organización ETA no conflito vasco foi de 19... en doce meses.