ANÁLISE | A escalada rexional do xenocidio en Gaza acelérase tras o asasinato do líder de Hamás por parte de Israel

O líder de Hamás asasinado, Ismail Haniyeh, e o xefe de Estado iraniano, Ali Khamenei, a terza feira. (Foto: Oficina do Líder Supremo de Irán / DPA vía Europa Press)
Tehran ten o "deber absoluto" de responder, afirma o xefe de Estado iraniano.

Un "asasinato político absolutamente inaceptábel" e "atroz" dun Estado “criminal e terrorista” que xera “unha escalada perigosa”, así se referiron a cuarta feira Rusia, Turquía, Irán e Qatar respectivamente ao asasinato do líder de Hamás, Ismail Haniyeh, en Tehran, a capital iraniana, que todo indica que foi perpetrado polo réxime israelí.

Haniyeh, nado en 1962 no campamento de persoas refuxiadas de al Shati, na Faixa de Gaza, dirixía a formación desde 2017 e estaba exiliado desde 2019 en Qatar despois de desempeñarse como primeiro ministro palestino de 2006 a 2007 e do enclave entre 2007 e 2014.

Arredor das 2.30 da mañá hora local (1 da mañá da cuarta feira na Galiza), un mísil, segundo a axencia Fars, impactou no edificio no que se aloxaba Haniyeh -unha residencia para veteranos de guerra no norte da urbe-, quen se desprazara a Tehran para a toma de posesión do novo presidente, Masoud Pezeshkian, que decorreu horas antes do seu asasinato. Hamás confirmou a morte nun “traizoeiro ataque sionista”.

Malia que polo xeral nos ataques que efectúa a outros Estados o réxime de apartheid sionista non confirma a súa autoría, a oficina de prensa do Goberno de ultradereita israelí publicou nas redes sociais unha imaxe de Haniyeh coa palabra “eliminado” sobre o seu rostro que logo borrou.

O líder da organización palestina xa perdera a súa irmá, tres fillos, catro netos e 50 familiares máis en ataques israelís na agresión a Gaza, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) consideran un xenocidio, no contexto de negociacións para un alto o fogo cun intercambio de persoas detidas en ambos os bandos que o primeiro ministro sionista, Benjamin Netanyahu, intentaba obstaculizar e bloqueou múltiples veces ante a permisividade do seu principal aliado e provedor de armas, os Estados Unidos, que, cando menos publicamente, defenden unha tregua.

Tamén nesta ocasión estaban en marcha conversas de paz que Netanyahu, que aspira a proseguir co xenocidio en Gaza e coas hostilidades a nivel rexional o máximo tempo posíbel para evitar o xuízo pendente por corrupción e protexerse da petición dunha orde de arresto contra el por parte da Fiscalía do Tribunal Penal Internacional (TPI) por crimes contra a humanidade, deixara entrever que boicotearía.

Negociacións de paz

“Como pode ter éxito a mediación cando unha das partes asasina o negociador da outra parte?”, inquiriu Mohammed Al Thani, o primeiro ministro de Qatar, que exerce como mediador das negociacións. Neste sentido, o docente da Universidade An-Najah de Nablus, Hasan Ayoub, ratificou que se agarda que “socave meses de esforzos diplomáticos para negociar un acordo de alto o fogo”.

O asasinato tamén desvía a atención da crise interna israelí polo asalto de ultradereitistas, instigados por parte do Executivo, ao campo de concentración de Sde Teiman en defensa dun grupo de militares detidos por agredir sexualmente un preso palestino. A cuarta a ONU revelou nun informe que Israel torturou milleiros de persoas palestinas tras detencións masivas, a maioría sen mediar acusacións por ningún cargo.

Aínda que os asasinatos políticos cometidos por Israel son comúns e non impediron a expansión de Hamás -Haniyeh foi o terceiro líder da forza, en cuxa creación foron determinantes os sionistas para tratar de acabar co predominio de Fatah, que os padeceu-, Ayoub detallou que supón un “golpe fatal á presenza diplomática” do grupo e incide en que Netanyahu non se tería atrevido a facelo, apenas horas despois dun ataque a Beirut, a capital do Líbano, contra un alto cargo de Hezbolá, sen o “apoio incondicional” de Washington, que proclamou rapidamente que non estivo involucrado nin tiña coñecemento do ataque.

O profesor da Universidade de Georgetown Abdullah al-Arian reiterou que os Estados Unidos deron “luz verde continuamente a Israel” desde o comezo do xenocidio en Gaza en outubro, no marco do cal os militares israelís mataron case 40.000 persoas no territorio palestino, 40% nenas e nenos. No que atinxe aos ataques contra Beirut e Tehran, apunta que “é un pouco estraño [que Washington] supoña que estes países simplemente deben aceptar este tipo de ataques sen ningún tipo de escalada”. Coincidiu con el o analista israelí Akiva Eldar, que subliñou que en tanto “non estean dispostos a utilizar a súa influencia para obrigar Netanyahu” a aceptar un alto o fogo e o intercambio de detidas “Israel, o Líbano e Irán terán que enterrar máis persoas”.

Ademais de Qatar, outro dos mediadores, Exipto, condenou a “perigosa política israelí de escalada”, que xa puxo en práctica noutras ocasións como no ataque a un grupo de militares de alto rango iranianos na súa embaixada en Damasco, Siria, que desencadeou un ataque aéreo de represalia por parte de Irán, contido principalmente polas tropas estadounidenses na zona. Estes ataques tamén se solaparon co estancamento israelí en Gaza, onde máis alá dos bombardeos indiscriminados contra civís non foi quen nin de derrotar Hamás, que goberna o enclave, nin de liberar as persoas israelís detidas.

O presidente palestino, Mahmoud Abbas, decretou unha xornada de loito nacional polo asasinato e as organizacións palestinas convocaron unha folga xeral en Cisxordania para amosar a súa repulsa.

As represalias son "inevitábeis"

Abbas Aslani, do Centro de Estudos Estratéxicos de Oriente Medio, explicou que Israel pretende “estender e escalar a guerra” e “involucrar os Estados Unidos”, definindo as represalias como “inevitábeis” para Irán por non ter protexido Haniyeh, e Mohammad Marandi, da Universidade de Tehran, considera que “a resposta será moi dura e creo que sería unha boa idea que os israelís abandonasen calquera zona próxima a infraestrutura militar sensíbel”, mantendo que será máis “significativa” que a derivada do ataque en Damasco.

Mentres que Hamás sostivo que o ataque “non quedará sen resposta”, Pezeshkian afirmou que Israel “se arrepentirá” e o xefe de Estado iraniano, Ali Khamenei, prometeu un “duro castigo” e destacou o seu "deber" de responder.