O Goberno eslovaco atribúe a un "lobo solitario" o ataque a Robert Fico, que continúa "estábel pero grave"

Sanitarios trasladando esta cuarta feira ao hospital o primeiro ministro de Eslovaquia, Robert Fico, após ser vítima dun atentado. (Foto: Jan Kroslák / TASR / DPA vía Europa Press)
O atacante, detido no lugar do crime, foi identificado como Juraj Cintula, un escritor de 71 anos con licenza de armas que participara no pasado en protestas contra o primeiro ministro.

"Estábel, pero grave". Esa é a diagnose actual do estado de saúde do primeiro ministro de Eslovaquia, Robert Fico, que continúa hospitalizado polas graves feridas que lle ocasionaron os tres disparos que recibiu esta cuarta feira á saída dunha reunión gobernamental na localidade de Handlova. "Estanse levando a cabo novas accións para mellorar o seu estado", trasladaba na mañá desta quinta feira o ministro de Defensa, Robert Kalinak.

Fico, segundo precisaron fontes do hospital de Banská Bystrica no que está a ser tratado, sufriu múltiples feridas e permaneceu no quirófano durante perto de cinco horas.

“Podo confirmarlles” que detrás do intento de asasinato do primeiro ministro progresista Robert Fico están “motivos políticos”, anunciou Matús Sutaj Estok, o ministro de Interior, após a reunión do Consello de Seguridade estatal.

Estok revelou que a “Policía só traballa cunha versión” do ataque, a dun “lobo solitario” que perpetrou unha tentativa de magnicidio de forma premeditada, corroborando que “esta persoa non é membro de ningún partido radicalizado de dereita ou esquerda”, en alusión a Juraj Cintula, escritor detido xusto despois de disparar a Fico.

Tamén debullou que as eleccións presidenciais que decorreron entre marzo e abril, nas que se impuxo o progresista Peter Pellegrini, aliado de Fico, foron o detonante, explicando que o atacante asistiu hai pouco a unha protesta contra o Executivo.

Amais de advertir que a tensión política levou o país “ao bordo dunha guerra civil”, Estok, citando o sospeitoso, sinalou que se baseou “na información dos medios que tiña a súa disposición” e afirmou, dirixíndose aos medios de comunicación, que “creo que cada un de vostedes pode reflexionar”, nunha rolda de prensa na que Kalinak, reiterou a responsabilidade da prensa, inculpándoa polos ataques mediáticos ao primeiro ministro.

O propio Fico culpou o mes pasado os medios de comunicación por alimentar as tensións, advertindo que esta situación podería conducir ao asasinato de persoas dedicadas á política.

O atacante, detido no lugar do crime, foi identificado como Juraj Cintula, un escritor de 71 anos de idade membro da Asociación de Escritores Eslovacos e con licenza de armas.

A Policía tamén investiga agora os apoios recibidos en redes sociais e xa detectou, asegura, unha trintena de mensaxes que poderían ser constitutivas de delito, segundo apuntan desde a televisión pública do país.

Pellegrini comunicou tras visitalo no centro médico no que foi operado de urxencia que a súa condición seguía a ser moi grave, informando de que están ante “as horas e os días máis difíciles”. A prensa local subliña que os equipos médicos lograron estabilizalo, mais a súa vida aínda non está fora de perigo tras recibir tres disparos, dous no abdome e un no ombro, así como que Kalinak se estaría a perfilar para asumir a dirección do Goberno até que Fico se recupere.

Nunha conferencia de prensa conxunta coa presidenta saínte e rival de Fico, Zuzana Caputová, Pellegrini fixo énfase en que “se hai algo que o pobo de Eslovaquia necesita urxentemente hoxe é como mínimo un acordo básico e unidade entre a representación política”, e de non haber consenso “polo menos formas civilizadas de discutir entre nós”, e Caputová instou a saír “do círculo vicioso de odio e acusacións mutuas”.

Robert Fico opúxose reiteradamente á axuda militar a Kiev. Tamén sinalou que non apoia a membresía de Ucraína na OTAN e que utilizaría o dereito de veto se se considerase tal cuestión. Ademais, o primeiro ministro sostiña que Bratislava estaba interesada en manter boas relacións con Moscova. Cualificou de necesario o diálogo entre os dous países e rexeitou a idea de que, debido ao conflito en Ucraína, sexa necesario finxir que Rusia non existe.

Fico, de 59 anos, que xa fora primeiro ministro sendo levado a afastarse despois dun escándalo de corrupción, venceu as máis recentes eleccións lexislativas en Eslovaquia ao final do ano pasado, co seu partido de centro-esquerda a aliarse a un partido máis moderado e europeísta e o Partido Nacionalista Eslovaco (SNS).