Ferido grave o primeiro ministro de Eslovaquia nun intento de asasinato

O autor do tiroteo foi detido no mesmo lugar do ataque, fronte á Casa da Cultura da localidade de Handlová.

EuropaPress_5962580_15_may_2024_slovakia_banska_bystrica_bodyguards_take_slovakian_prime
photo_camera Momentos despois do tiroteo (Foto: Deml Ondøej / Ctk / Dpa)

O primeiro ministro de Eslovaquia, Robert Fico, resultou ferido a cuarta feira no tiroteo fóra dun centro cultural en Handlová, unha cidade situada a case 140 km ao noroeste da capital, Bratislava, cando conversaba con persoas simpatizantes. Fico recibiu tres disparos no estómago.

O primeiro ministro foi tratado inicialmente nun hospital da cidade, no que entrou consciente, mais logo foi trasladado a un hospital en Banská Bystrica, a menos de 30 km do lugar dos feitos, “porque levaría demasiado tempo chegar a Bratislava, dada a necesidade dunha intervención crítica”, segundo o comunicado do Goberno. “As próximas horas serán decisivas”, engade o texto.

O Executivo eslovaco informou de que a súa vida corría perigo antes de que fora operado de urxencia. O seu estado é "extremadamente grave", detallou Robert Kalinak, titular de Defensa.

Os axentes inmobilizaron o agresor e logo subírono a un automóbil, indicou o portavoz policial. Segundo o diario Pravda, o agresor atopábase paseando polos arredores da Casa de Cultura, onde se celebrou a reunión gobernamental. Ao rematar a xuntanza, o primeiro ministro foi saudar os veciños e o agresor, que se atopaba neste grupo, "disparou de súpeto", dixo unha testemuña, que negou que fose un residente da localidade.

O detido como autor de cinco tiros é Juraj Cintula, un escritor de 71 anos de Levice, no leste. Nun vídeo do atentado Cintula sostén que “non estou de acordo coa política do Goberno. Os medios de comunicación están sendo liquidados”, cuestionando o “ataque” á canle pública RTVS, en alusión á norma impulsada polo Executivo, que acusa o medio de informar de forma subxectiva e non independente, para substituíla por unha nova cadea.

Após unha vaga de protestas contra esta decisión, a oposición tiña convocada onte novas mobilizacións, que foron suspendidas ao coñecerse o intento de asasinato. Tamén se suspendeu a sesión no Parlamento, no que o vicepresidente, Lubos Blaha, do Dirección-Socialdemocracia do primeiro ministro, culpou a oposición do ataque.

Zuzana Caputová, presidenta saínte e adversaria política de Fico, proclamou que se tratou dun “ataque á democracia”, así como que “a retórica de odio que presenciamos na sociedade conduce a accións de odio, por favor deteñámolo”.

As condenas polo acontecido multiplicáronse por todo o mundo. A presidenta do Executivo da Unión Europea (UE), á que pertence Eslovaquia, Ursula von der Leyen, subliñou que “estes actos de violencia non teñen oco na nosa sociedade e socavan a democracia”. En menos de un mes están programadas as eleccións ao lexislativo da UE. Tamén o presidente estadounidense, Joe Biden, criticou o “horríbel acto de violencia”, que o mandatario ruso, Vladimir Putin, cualificou como un “crime atroz”.

Fico opúxose reiteradamente á axuda militar a Kiev. Tamén sinalou que non apoia a membresía de Ucraína na OTAN e que utilizaría o dereito de veto se se considerase tal cuestión. Ademais, o primeiro ministro sostiña que Bratislava estaba interesada en manter boas relacións con Moscova. Cualificou de necesario o diálogo entre os dous países e rexeitou a idea de que, debido ao conflito en Ucraína, sexa necesario finxir que Rusia non existe.

Fico, de 59 anos, que xa fora primeiro ministro sendo levado a afastarse despois dun escándalo de corrupción, venceu as máis recentes eleccións lexislativas na Eslováquia ao final do ano pasado, co seu partido de centro-esquerda a aliarse a un partido máis moderado e europeísta e o Partido Nacionalista Eslovaco (SNS).

Comentarios