Biden despídese acusando Trump de ser un perigo para a democracia e pasa o relevo a Harris

Joe Biden a terza feira. (Foto: Bruce Cotler / ZUMA Press Wire / DPA vía Europa Press)
A vicepresidenta e candidata destaca o "liderado histórico" do presidente.

Tras renunciar á candidatura á reelección, forzado por altos cargos do Partido Demócrata ante o temor de que as dúbidas sobre a súa capacidade tamén afectaran as votacións ao lexislativo que decorrerán paralelamente ás presidenciais de novembro, o presidente estadounidense, Joe Biden, ofreceu na madrugada da terza feira unha intervención centrada en atacar o candidato republicano, Donald Trump, no que a prensa local considerou unha despedida simbólica do mandatario na primeira xornada da Convención Nacional Demócrata, que se clausura a quinta.

Reiterando que Trump, ao que definiu como “delincuente convicto”, supón unha ameaza para a democracia no país, asegurou que a extrema dereita colleu forza co ex presidente ao mando ao interpretar que era un “aliado”.

Ao tempo, insistiu en que durante o seu mandato se impulsou a creación de emprego, a modernización da infraestrutura ou medidas para combater o cambio climático.

Asemade, ao abordar a súa carreira política, que se estendeu máis de cinco décadas desde que foi elixido edil en 1971 no condado de New Castle, no Estado de Delaware -polo que foi elixido senador en 1973, un cargo que mantivo até 2009, cando se converteu en vicepresidente no período de Barack Obama-, defendeu que a “mellor decisión” que tomou foi escoller Kamala Harris, a actual candidata demócrata, para ocupar a Vicepresidencia.

Harris fixo no evento unha intervención non programada para agradecer a Biden o seu “liderado histórico”. Prevese que a quinta feira emita un discurso de aceptación formal da candidatura.

Teito de vidro

Pola súa parte, na primeira xornada da Convención participou a ex secretaria de Estado e ex candidata presidencial Hillary Clinton, primeira muller designada candidata por un dos dous partidos centrais da política estadounidense, que incidiu na posibilidade de rachar o teito de vidro para as mulleres no caso de que Harris sexa finalmente elixida presidenta, un posto no que sería a primeira muller, a primeira muller afroamericana e a primeira persoa de ascendencia india. “Cando unha barreira cae para unha de nós cae para todas”, subliñou Clinton.

Nun evento pensado para a súa transmisión televisiva, a terza feira estaba prevista a presenza de Obama e da súa parella, a ex primeira dama Michelle Obama, e a cuarta será a quenda de Tim Walz, seleccionado por Harris como candidato á Vicepresidencia.