Saúde

Declarada a emerxencia sanitaria en toda África pola varíola do mono

O gromo de mpox foi declarado emerxencia sanitaria en toda África. (Foto: Nós Diario)
No que vai de ano rexistráronse arredor de 15.000 casos de varíola do mono en todo o continente, o que se traduce nun incremento de até 160% a respecto do mesmo período de 2023, e 461 mortes relacionadas con este virus.

Esta cuarta feira a Organización Mundial da Saúde decidirá, nunha reunión programada ás 12 horas, se declara a emerxencia sanitaria internacional polo gromo de varíola do mono (mpox) a raíz da repunta de casos nas últimas semanas especialmente no continente africano, onde xa se declarou, na tarde desta terza feira, a emerxencia de saúde pública. As infeccións aumentaron de forma significativa en seis meses e, ademais, apareceu unha nova cepa, Clado Ib, "máis grave" que a anterior, advirten as autoridades sanitarias.

"Anuncio, con gran pesar pero cun compromiso inquebrantábel co noso pobo, cos nosos cidadáns africanos, que declaramos a mpox un problema público continental, unha emerxencia sanitaria", dixo Jean Kaseya, director xeral dos Centros Africanos para o Control e Prevención de Enfermidades (CDC). Esta alerta busca "mobilizar" as institucións africanas e dos países que integran o continente para "actuar axiña e con decisión".

Segundo os datos que manexan os CDC, no que vai de ano rexistráronse arredor de 15.000 casos de varíola do mono, o que se traduce nun incremento de até 160% a respecto do mesmo período de 2023, e 461 mortes relacionadas con este virus, mostrando unha taxa de defunción de máis de 3% —ou, o que é o mesmo, tres de cada 100 casos derivaron no pasamento da persoa doente—. Unha porcentaxe "demasiado alta", advirten.

E estas son as cifras oficiais, as notificadas formalmente a través das autoridades sanitarias de cada país, pero segundo as estimacións das persoas expertas serían só "a punta do iceberg" debido ás dificultades existentes para realizar as probas diagnósticas precisas e rastrexar os casos de forma eficiente.

"Resulta evidente que agora nos enfrontamos a unha situación diferente, unha situación na que os casos son moitos máis dos que vimos no último ano e nos últimos dous anos", salientou o epidemiólogo e membro do comité médico que recomendou a declaración de emerxencia aos CDC Salim Abdul Karim. Ademais, sinalou que o número de casos aumenta "rapidamente".

Os síntomas da mpox son, esencialmente, erupcións cutáneas e inflamación dos ganglios, e nalgúns casos poden aparecer tamén febre, dores musculares ou articulares, calafríos e cansazo. Adoitan aparecer dentro dos 21 días da exposición ao virus.