Saúde

A incidencia da varíola do mono segue a medrar e a OMS sopesa declarar a emerxencia sanitaria internacional

Brazo dunha persoa infectada coa varíola do mono. (Foto: Nós Diario)
As notificacións dos países á OMS foron diminuíndo, polo que é "moi probábel" que os datos mundiais notificados actualmente "subestimen" o número real de casos de varíola símica, advirte o organismo sanitario das Nacións Unidas.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) notificou en xuño un total de 934 novos casos de mpox, enfermidade tamén coñecida como varíola do mono, e até catro mortes en diferentes países, o que implica un aumento de 44,6% a respecto do pasado mes de maio, cando se notificaran 646 casos e 15 falecementos. Entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 30 de xuño de 2024 confirmáronse un total acumulado de 99.176 casos de mpox e 208 defuncións.

Así se recolle no 35º informe de situación sobre o gromo multinacional de mpox, que ofrece detalles sobre as últimas tendencias epidemiolóxicas, incluída unha actualización sobre a expansión xeográfica do mpox na Rexión de África da OMS entre xullo e agosto de 2024.

As rexións da OMS máis afectadas, ordenadas por número de casos confirmados mediante probas de laboratorio, foron a Rexión de África —567 casos—, a Rexión das Américas —175 casos—, a Rexión de Europa —100 casos—, a Rexión do Pacífico Occidental —81 casos— e a Rexión de Asia Sudoriental —11 casos—. A Rexión do Mediterráneo Oriental non notificou casos en xuño de 2024.

As cifras reais, "superiores" ás notificadas

O organismo sanitario das Nacións Unidas advirte que as notificacións dos países á OMS foron diminuíndo, polo que é "moi probábel" que os datos mundiais notificados actualmente "subestimen" o número real de casos de varíola símica. Na Rexión de África, a República Democrática do Congo notificou a maioría (96%) dos casos confirmados de varíola símica no mes de referencia. Cun acceso limitado ás probas nas zonas rurais, 24% dos casos clinicamente compatíbeis —notificados como sospeitosos— no país foron analizados en 2024, cunha positividade de arredor de 65% a nivel estatal. Os recontos de casos confirmados son, por tanto, "subestimacións da verdadeira carga".

Neste número tamén se presenta unha actualización sobre a expansión xeográfica do mpox na Rexión de África da OMS entre xullo e agosto de 2024, aínda non recollida nos datos de vixilancia mundial ao 30 de xuño de 2024. Catro novos países de África Oriental —Burundi, Kenya, Ruanda e Uganda— notificaron os seus primeiros casos de mpox, todos eles relacionados co gromo en expansión en África Oriental e Central e pertencen ao clado I. Por outra parte, Costa do Marfil está a experimentar un gromo de mpox relacionado co clado II e Suráfrica notificou outros dous casos confirmados.

Unha nova emerxencia sanitaria internacional?

A OMS decidirá esta cuarta feira se declara o mpox emerxencia sanitaria internacional. Hai dous anos, en xullo de 2022, o director xeral da OMS, Tedros Adhanom Ghebreyesus, convocara esta mesma reunión despois de se notificaren até xuño 3.040 casos de varíola símica en 47 países. Finalmente, a enfermidade non se considerou unha emerxencia sanitaria global.

Desde entón, o gromo seguiu unha liña ascendente, e un mes despois, en xullo de 2022, había máis de 16.000 casos notificados en 75 países e territorios, con cinco vítimas mortais. Foi nese momento cando Tedros convocou un novo encontro no que si se concluíu que a enfermidade constituía unha situación de emerxencia.