Detido un mozo de 15 anos relacionado co ataque e morte de tres persoas en Solingen

Varios policías traballan no lugar do ataque con coitelo en Solingen, Alemaña, este 24 de agosto. (Foto: Zhang Fan / Xinhua News / ContactoPhoto).
A Policía alemá detivo un adolescente de 15 anos supostamente vinculado co ataque con coitelo ocorrido esta sexta feira na cidade de Solingen, no oeste de Alemaña, que provocou tres mortos e oito feridos.

"Durante as operacións de busca foi detida unha persoa e estase comprobando se existe algunha conexión co crime", declarou a Policía de Dusseldorf, Alemaña, nun comunicado antes de que, en rolda de prensa, a Fiscalía dese máis detalles sobre a identidade do arrestado e confirmase tamén o achado de varios coitelos, un dos cales podería tratarse da arma homicida.

Segundo explicou o xefe da Policía local, Thorsten Fleiss, o mozo foi detido grazas ás declaracións de varias testemuñas que o identifican falando cun individuo que podería tratarse do autor material dos apuñalamentos, minutos antes do ataque.

A Policía non descarta un móbil terrorista pero aínda non confirmou este aspecto (que depende, en todo caso, da Fiscalía) e prosegue coa investigación mentres mantén activadas a "diversas medidas policiais, incluídos rexistros en varios lugares", dixo sen dar máis detalles.

O ataque

Sobre 21.45 horas desta sexta feira, un home de identidade descoñecida comezou a apuñalar de maneira indiscriminada á xente en Fronhof, un mercado do centro da cidade no que se instalou un escenario para os actos de conmemoración dos 650 anos de Solingen. Conseguiu darse á fuga aproveitando o caos e deixou ao seu paso tres mortos e oito feridos, cinco deles graves.

Tras o incidente, o festival foi suspendido e as forzas de seguridade estabeleceron un perímetro de vixilancia mentres miles de persoas presentes no lugar comezaron a abandonar a zona a petición das autoridades, "conmocionados pero con calma", afirmou un dos coorganizadores do festival, Philipp Müller, a Solinger Tageblatt.

O alcalde de Solingen, Tim Kurzbach, dixo estar "en shock" e sentir "medo e gran tristeza" tras o ocorrido. "Todos queriamos celebrar xuntos o aniversario da nosa cidade e agora temos que chorar os mortos e feridos", expresou nunha publicación de Facebook na que engadiu que pensar no ataque rómpelle " o corazón".

Condena do crime

Así mesmo, o ministro presidente de Renania do Norte-Westfalia, Hendrik Wüst, asegurou que o estado alemán "está unido pola conmoción e a tristeza".

"Nestas horas escuras, os corazóns e as mentes da xente do noso estado e máis aló están en Solingen, onde un acto de violencia brutal e sen sentido golpeou o corazón do noso estado", lamentou a través da súa conta de X, dando as grazas aos equipos de rescate e aos policías despregados na zona.

O chanceler alemán, Olaf Scholz, esixiu un castigo severo para o autor do ataque. "Non debemos aceptar algo así na nosa sociedade e non debemos toleralo nunca. Aquí debe aplicarse todo o rigor da lei", declarou nun mitin en Stahnsdorf, no estado federado de Brandeburgo.

O xefe do Goberno alemán cualificou o ataque de "crime terrible" e ofreceu todo o seu apoio. "Tamén axudaremos á cidade e aos seus cidadáns con todo o que temos á nosa disposición", prometeu Scholz.

"Tememos polos feridos, esperamos que as súas vidas poidan salvarse, e estamos xunto as familias de todos os feridos e mortos e con toda a cidade", engadiu.