Catalunya

EN DIRECTO | Os Mossos d'Esquadra desactivan o operativo de busca sen atopar Carles Puigdemont, segundo a TV3

Carles Puigdemont diríxese á cidadanía en Barcelona. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
O pleno de investidura entra nun receso tras o discurso inicial do candidato Salvado Illa.
 Actualizar
 

Puigdemont volve a Catalunya para a investidura de Salvador Illa

14.11 Segundo a Cadena Ser, Puigdemont empregou dous coches para evadir o control policial e os Mossos perderon a súa pista.
13.50 Os Mossos d'Esquadra desactivan o operativo de busca sen atopar a Carles Puigdemont, segundo a TV3.
13.47 A sesión de investidura experimenta un novo receso e continuará a partir das 15.45 horas.
13.25 "A Constitución di que a nación é España, única e indivisíbel. A España plurinacional non existe", afirma o deputado o PP.
13.24 Despois de case 10 minutos intervindo en castelán, Alejandro Fernández muda ao catalán.
13.22 "Asumiron todas as teses do independentismo, e están dispostos a entregar a clave da política española a alguén como Puigdemont", di Alejandro Fernández sobre o PSC.
13.20 "Aparentemente é vostede o xenro ideal, o xenro ideal que cha clava cando das as costas", di Alejandro Fernández a Salvador Illa.
13.17 Comeza a intervención do portavoz do PP, Alejandro Fernández.
13.10 Detido o mosso propietario do coche branco no que presuntamente se marchou Carles Puigdemont das inmediacións do Parlament.
13.00 "Só o tempo dirá se a decisión de ERC é boa ou mala", di Jové i Lladó.
12.55 "Ningún nacionalista pode negarse a un acordo como este (o asinado co PSC). Ningún nacionalista pode negarse a avanzar en soberanía", defende Jové i Lladó, que lembra a Illa que non ten unha maioría para toda a investidura, senón para cumprir coas promesas.
12.51 O deputado de ERC defende os logros do acordo de investidura co PSC. Ademais, Jové i Lladó agradece a participación da militancia na consulta realizada por ERC ("aos que votaron que si e aos que votaron que non") e rexeita que esta teña xerado división na formación: "Os referendos non dividen, a participación democrática fortalece".
12.44 Jové i Lladó afirma que a falta de apoio de Junts ao president Pere Aragonès cando había unha maioría independentista explica a nova composición do Parlament.
12.37 Josep Maria Jové i Lladó, de ERC, comeza o seu discurso saudando a volta de Puigdemont.
12.29 As retencións de tráfico en Catalunya superan os oito quilómetros na AP-7 e na N-II.
12.14 Batet expresa o seu desexo de que Puigdemont poida acudir ao Parlament antes de que remate o pleno.
12.10 "O futuro da nación está máis en perigo que nunca cun president que predica a necesidade de españolización", reprocha Batet en referencia a Salvador Illa. Ademais, carga contra ERC polo acordo para investilo: "Asumen o marco mental socialista". 
12.05 O deputado de Junts sinala Salvador Illa: "Foi o primeiro defensor do 155". Batet engade que a súa formación se mantén "fiel aos valores republicanos do 1-O". 
11.50 Batet condena as cargas policiais nas portas do Parlament contra "unha poboación cívica que se manifesta pola volta do president Puigdemont".
11.49 Reanúdase o pleno, toma a palabra Albert Batet, de Junts. Puigdemont non está no Parlament.
11.44 Fontes do Tribunal Supremo lembran que os Mossos "saben que teñen unha orde de deter" Puigdemont e poñen de relevo que o xuíz Pablo Llarena deixouno "moi claro" na providencia do 1 de xullo, na que denegou a amnistía para a malversación.
11.23 O grupo parlamentario de Junts confirma que, ao non ter sido detido Carles Puigdemont, non pedirá a suspensión do pleno de investidura de Salvado Illa.
11.07 A entidade de ultradereita Hazte Oír anuncia que denunciará o ministro español de Interior Fernando Grande-Marlaska, así como o president catalán Pere Aragonès e o xefe dos Mossos, por non deter o ex president Carles Puigdemont.
11.01 As manifestantes romperon o cordón policial e accederon ao parque da Ciutadella. Cada vez máis persoas se concentran no parque, a poucos metros do Parlament de Catalunya. 
10.59 Retencións nas vías de comunicación catalás ante o dispositivo de busca de Puigdemont.
10.55 A carga dos Mossos d'Esquadra contra as manifestantes independentistas que tentaron acceder ao parque da Ciutadella deixou persoas afectadas polo gas lacrimóxeno.
10.44 Mentres os Mossos buscan o ex presidente Puigdemont, Illa remata o seu discurso inicial de investidura. O pleno suspéndese durante unha hora.
10.40 Os Mossos d'Esquadra activaron o 'Pla Gàbia' (Operación Gaiola) en todo o territorio catalán coa intención de deter o ex president da Generalitat Carles Puigdemont. Ninguén sabe onde se atopa.
10.22 Os Mossos d'Esquadra cargaron contra asistentes á concentración de recibimento a Carles Puigdemont cando romperon o cordón policial e tentaron acceder ao parque da Ciutadella. Os mossos utilizaron porras e gas pementa para disolver as persoas manifestantes.
10.16 Illa reivindica a "transformación" de Catalunya cos Gobernos de Pasqual Maragall e José Montilla.
10.15 Salvador Illa aposta por un Estado español plurinacional e unha Europa federal como a mellor opción para Catalunya.
10.14 Os ex presidents Artur Mas e Quim Torra, xunto á presidenta de Junts, Laura Borràs, e outros dirixentes de Junts entraron no Parlament. O avogado de Puigdemont, Gonzalo Boye, e o empresario Jami Matalamala, un dos homes de confianza do ex president, tamén entraron no recinto do parc da Ciutadella. Porén, non fica claro cal é paradoiro actual do propio Carles Puigdemont mentres o candidato Salvador Illa pronuncia o seu discurso.
10.05 O candidato Salvador Illa comeza o seu discurso de investidura.
10.04 Dous deputados de Junts, ningún deles Carles Puigdemont, delegaron o voto na sesión de investidura.
10.00 Carles Puigdemont foise, segundo informa 'Catalunya Ràdio', que cita fontes coñecedoras do dispositivo policial. 
9.40

Puigdemont disponse a entrar no Parlament de Catalunya.

9.15 Puigdemont avanza cara ao Parlament de Catalunya polo paseo de Lluís Companys escoltado pola cidadanía que o acompaña.
9.05

O ex president Carles Puigdemont reapareceu no Arc de Triomf, onde fixo un discurso breve para denunciar a situación excepcional que vive Catalunya a raíz da represión e a rebelión xudicial contra a lei de Amnistía. "Hoxe vin aquí para lembrarlles que aínda estamos aquí", dixo, antes de asegurar que "non temos dereito a renunciar porque o dereito de autodeterminación pertence ao pobo de Catalunya".

Puigdemont deu por sentado que será detido tras o acto. "Non sei cando volveremos vernos", afirmou, tras dicir que o independentismo debe facer fronte común e apoiarse nos momentos complicados. "Pensan que o escarnio nos disuadirá. Equivócanse e, no seu erro, arrastrarán unha vez máis a democracia española, aínda que iso lles importa pouco", declarou.

Antes de irse ao Parlament de Catalunya, Puigdemont despediuse da multitude ao berro de Viva Catalunya libre.

9.00 Ademais de milleiros de persoas, tamén asistiron ás primeiras palabras de Puigdemont á súa chegada a Catalunya representantes de Junts, da Assemblea Nacional Catalá (ANC), de Òmnium Cultural, dos CDR e da Associació de Municipis per a Independència (AMI), así como da CUP e de ERC.
8.59 Carles Puigdemont diríxese á cidadanía na avenida de Lluís Companys.
8.57 Carles Puigdemont camiña polas rúas de Barcelona entre gritos de independencia.
8.48 Voluntarios da organización reparten sombreiros entre as persoas que se manifestan para combater a calor.
8.40 Centos de persoas están na avenida de Lluís Companys para asistir ao acto de recibimento do ex president Carles Puigdemont.
 Actualizar

O ex president da Generalitat de Catalunya, Carles Puigdemont, anunciou esta cuarta feira que emprendía a viaxe de regreso a Catalunya, despois de sete anos de exilio. Esta quinta feira ten previsto participar na sesión de investidura de Salvador Illa (PSC), que empezará ás 10 horas. Unha hora antes, ás 9 horas, entidades independentistas e formacións políticas realizarán un acto de recibimento no paseo de Lluís Companys, onde está previsto que apareza o ex president. A convocatoria fíxose pública no mesmo momento en que Puigdemont anunciou que volvía do exilio nun vídeo.

A maior incógnita é, neste momento, que consecuencias terá a volta de Puigdemont a Catalunya. O xuíz Pablo Llarena non aplicou a amnistía, e mantén vixente a orde de detención contra el. Isto implica que a Policía pode deterlle en calquera momento. Non se sabe se Puigdemont poderá chegar á sede do Parlament de Catalunya ou será detido antes. Se logra entrar no Parlament, á Policía seralle máis difícil actuar, porque necesitaría a autorización do president da Cámara, tal e como avanzou o propio Josep Rull.

En todo caso, a detención de Puigdemont alterará a investidura, porque o president do Parlament, Josep Rull, xa anunciou que suspendería o pleno se ocorrese isto. "Se deteñen o president Puigdemont, non podo aceptar que o pleno se desenvolva con normalidade", dixo Rull nunha entrevista de VilaWeb.

Siga toda a información da xornada, aquí.