Trump carga contra o gasto militar en Asia: "Creo que Taiwan debería pagarnos pola defensa"

Donald Trump durante a Convención Republicana (Foto: Mark Hertzberg / ZUMA Press Wire / d / DPA vía Europa Press).
A China censura a venda de armas a Taiwan por parte dos Estados Unidos e rompe as negociacións sobre a non proliferación nuclear e o control de armas.

O Goberno da China anunciou esta cuarta feira a suspensión das negociacións cos Estados Unidos sobre a non proliferación nuclear e o control de armas en resposta á venda de armamento a Taiwan por parte da Administración estadounidense tras a rolda de contactos decorrida en novembro de 2023 para intentar rebaixar as tensións bilaterais.

O portavoz do Ministerio de Exteriores chinés, Lin Jian, indicou que Washington "ignora a firme oposición e as repetidas queixas da China e continúa vendendo armas a Taiwan". 

Neste sentido, sostivo que estas vendas "socavan a confianza mutua entre as partes" e "danan gravemente o clima político" entre a China e os EUA. Cómpre lembrar que Beijing reclama a soberanía de Taiwan, unha illa que ten a súa propia dinámica administrativa e de funcionamento, mais que só é recoñecida por unha ducia de Estados.

O anuncio chega tras a imposición de sancións por parte da China a empresas estadounidenses pola venda de armamento a Taiwan, no medio das tensións coa illa, especialmente tras tomar posesión o novo presidente taiwanés, Lai Ching Te.

A opinión de Trump

Sobre esta cuestión tamén se pronunciou o ex presidente dos EUA e candidato republicano nas eleccións presidenciais de novembro, Donald Trump. "Creo que Taiwan debería pagarnos pola defensa. Xa sabe, non somos diferentes dunha compañía de seguros. Taiwan non nos dá nada", declarou nunha entrevista a Bloomberg.

"Eu non me sentiría tan seguro agora se fose eles, mais lembre isto: Taiwan quitounos o noso negocio de chips, quero dicir, como de estúpidos somos? Son inmensamente ricos. Por que estamos a facer isto?", preguntábase Trump na entrevista.