O escritor Manuel Rivas pide a Amnistía Internacional que apoie o ex conseller Forn

O escritor Manuel Rivas. Foto: Óscar Paris

O escritor Manuel Rivas é, desde hai anos, un coñecido activista de Amnistía Internacional. Na mañá deste sábado pedía á organización non gobernamental, a través das redes sociais, o seu pronunciamento sobre “o encarceramento do señor Forn en función da súa ideoloxía, allea á violencia”.
 

Rivas lembra que “apoiou, apoia e apoiará” Aministía Internacional na medida das súas “posibilidades” e que por iso lle reclama agora un posicionamento claro. Ao seu ver, despois do auto que mantén en prisión o ex conselleiro de Interior da Generalitat cómpre que o organismo emita unha opinión.

 

O xuíz do Tribunal Supremo Pablo Llarena ditou un auto que mantén o cárcere para Joaquim Forn malia este ter renunciado á súa acta de deputado de Junts per Catalunya obtida nas eleccións do pasado 21 de decembro.

 

O texto de Llarena, que numerosos xuristas cualifican de xustificación da prisión por motivos políticos, di: “O convencemento que mantén posibilita unha reiteración do delito [...] a súa ideoloxía coexiste ademais cun contexto político en que non hai certeza de que desaparecese a intención de acadar a independencia de Catalunya”.