TERCEIRA VAGA DE REFERENDOS

Espállanse por Bretaña as consultas populares sobre a reunificación e o auto-goberno do país

Nos vindeiros dous meses nove concellos realizarán referendos sobre estes temas, impulsados pola plataforma Dibab. Até agora unha ducia de localidades xa realizaron as súas consultas.

En 2014 a plataforma 'Dibab-Que Bretaña decida' impulsou a idea de pular pola reunificación de Bretaña (Breizh) a través de consultas populares, implicando á cidadanía e apostando en ligar esta cuestión coa necesidade de abrir un debate sobre o auto-goberno. Desde entón, unha ducia de concellos bretóns acolleron referendos populares e antes de que acabe o ano 9 municipios máis van realizar estas consultas. O movemento Dibab é o responsábel desta iniciativa, mais en cada concello é organizada por comités populares locais.

Por primeira vez, un destes referendos -non oficiais- terá lugar nunha localidade de máis de 40.000 habitantes, en Sant-Ervlan (Loira Atlántico). A veciñanza destes nove concellos poderán responder a 2 preguntas. A primeira delas, se desexan que Breizh se reunifique, o que implicaría que o departamento do Loira (actualmente no Pays de Loire) se integre en Breizh, Bretaña. A segunda pregunta é se queren que Breizh se dote dunha Asemblea de Bretaña, organismo con maior auto-goberno e capacidade de decisión que o Consello Rexional que existe na actualidade.

Nas tres vagas de referendos realizadas até agora tomou parte máis do 12% do censo da ducia de concellos onde se realizaron. O 85,7% dos votos emitidos nas consultas foron favorábeis á reunificación e o 81,1% dixo si á dotar a Breizh de maior auto-goberno.