En 2014 a plataforma 'Dibab-Que Bretaña decida' impulsou a idea de pular pola reunificación de Bretaña (Breizh) a través de consultas populares, implicando á cidadanía e apostando en ligar esta cuestión coa necesidade de abrir un debate sobre o auto-goberno. Desde entón, unha ducia de concellos bretóns acolleron referendos populares e antes de que acabe o ano 9 municipios máis van realizar estas consultas. O movemento Dibab é o responsábel desta iniciativa, mais en cada concello é organizada por comités populares locais.
Por primeira vez, un destes referendos -non oficiais- terá lugar nunha localidade de máis de 40.000 habitantes, en Sant-Ervlan (Loira Atlántico). A veciñanza destes nove concellos poderán responder a 2 preguntas. A primeira delas, se desexan que Breizh se reunifique, o que implicaría que o departamento do Loira (actualmente no Pays de Loire) se integre en Breizh, Bretaña. A segunda pregunta é se queren que Breizh se dote dunha Asemblea de Bretaña, organismo con maior auto-goberno e capacidade de decisión que o Consello Rexional que existe na actualidade.
Nas tres vagas de referendos realizadas até agora tomou parte máis do 12% do censo da ducia de concellos onde se realizaron. O 85,7% dos votos emitidos nas consultas foron favorábeis á reunificación e o 81,1% dixo si á dotar a Breizh de maior auto-goberno.